Póñanse de acordo xa

Olimpio Pelayo Arca Camba
Olimpio P. Arca CON ACENTO

LALÍN

31 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Na corporación municipal de Lalín lamentaban onte que a sesión plenaria non se estivese retransmitindo en directo a través de Internet para que a súa mensaxe chegase sen intermediarios aos veciños. Tiñan toda a razón do mundo. Pero posiblemente non polos motivos que eles barruntaban para que así fose. Porque detrás dese desexo subxacía a pena polo feito de que os lalinenses non puidesen velos a eles expondo a argumentación pola que todos e cada un crían ter razón.

E sen dúbida que é unha pena que os lalinenses non os puidesen ver onte en directo. Igual que é unha pena que cando os poden ver, o número de seguidores sexa pírrico. Igual que é unha pena que a unha cuestión candente como a de onte asistise como público unha vintena de veciños, que se se desconta a persoal do sector e afíns aos grupos políticos da oposición, quedan nos que quedan. E igual que é unha pena que uns e outros digan defender os intereses dos veciños pero acudan ao salón de plenos cargados dunha demagoxia partidista que lles impide acadar o consenso nunha cuestión de sentido común como a necesidade doutra ambulancia, de verdade, para Lalín.

Que por certo todos piden á Xunta, a pesar de que citan con profusión o caso das dúas da Estrada. O que todos calan, goberno e oposición, é que unha desas ambulancias pona o Concello. E que en Lalín, desde hai anos, o Concello non a ten: nin con Crespo nin co cuadripartito.

Así que, por favor, déixense de demagoxias e polo menos póñanse de acordo nisto. É o mínimo que lles reclama a cidadanía que lles elixiu para ocupar esas 21 cadeiras de brazos.