Medio ambiente, materia pendente en Lalín e A Estrada en 2017 e 2018

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

Un informe que acaba de pechar o Consello de Contas limita os investimentos nese ámbito no bienio a 63.704 euros na capital dezana e a 36.181 na de Tabeirós

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Consello de Contas acaba de concluír o seu informe de fiscalización sobre a actuación das entidades locais de Galicia en materia ambiental, nos anos 2017 e 2018. O estudo cinguiuse aos 55 municipios de Galicia con máis de 10.000 habitantes, aínda que foron 53 os analizados porque dous deles non deron datos. Da zona figuran, xa que logo, Lalín e A Estrada: e polos datos recolleitos en ambos os casos, o medio ambiente figura como materia pendente. Por non ter, A Estrada sinala que non ten un departamento para esta competencia nin especialista no medio ambiente, fronte a Lalín que conta cun especialista e unha concellaría con dous traballadores adscritos.

O gasto en actuacións ambientais é un dato clarificador: en Lalín recóllense no bienio 63.704 euros para protección e mellora do medio ambiente, mentres na Estrada son 36.181. Os demais parámetros analizados quedan a cero euros nos dous municipios: fomento de aforro enerxético, educación e formación ambiental, investigación e desenvolvemento, colaboración con outras institucións e gastos en accións da Axenda 21. Unha axenda á que a capital dezana está subscrita desde o 1 de marzo do 2004, mentres A Estrada non está incluída nesa iniciativa.

O informe do Consello de Contas puntualiza, con todo, que na enquisa sobre accións de protección do medio no seu funcionamento interno, A Estrada apunta mellora enerxética de instalacións, redución de consumo enerxético e de papel, indicando que nalgúns contratos estableceu cláusulas ambientais; no caso de Lalín, a resposta é negativa en todas esas cuestións. E os dous coinciden en que non formaron traballadores sobre a materia, nin reduciron consumo de auga nin fomentaron a reciclaxe.

Hai aínda outra coincidencia máis no negativo: tanto Lalín como A Estrada viron esfumarse as súas axudas do Fondo de Compensación Ambiental 2017, e por idéntico motivo: non xustificaron ditas axudas, o que xerou a perda do dereito ao cobro da subvención. No caso de Lalín, foron 112.231 euros destinados á rede de carreiros do Candán e melloras en Bustelos, Vilatuxe e Zobra, na súa fase I; na Estrada, perdeu 10.320 euros para melloras na EDAR de Aguións, segundo o Consello de Contas.

En parques e xardíns, Lalín destinou 416.457 euros, con execución do 24,66 %; na Estrada destináronse 9.507, e executouse o 87,1 %. O estudo só recibiu alegacións de tres municipios ?Oleiros, Ourense e Vigo?. Lalín estivo entre a decena de municipios que non comunicaron ao Consello de Contas ter dado traslado do informe ao anterior alcalde, para darlle trámite de audiencia.