A poboación nas comarcas cae por baixo da barreira
dos 70.000 censados

LALÍN

rober amado

Lalín foi o único municipio que creceu en poboación a 1 de xaneiro deste ano, ata os 20.218

27 dic 2019 . Actualizado ás 17:24 h.

Cauterizar a sangría demográfica continúa como misión imposible en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. As comarcas acaban de caer por baixo da barreira das 70.000 censados a 1 de xaneiro do 2019, cuxos datos fixo públicos onte o Instituto Nacional de Estatística (INE). Somos 69.580, lonxe dos 70.106 a esa mesma data do 2018 ou dos 70.640 do 2017, o primeiro ano tras a fusión de Cerdedo e Cotobade. Respecto dos datos máis recentes, Deza salvouse polos pelos o listón dos 40.000, en concreto con 40.014 censados, mentres foron 29.566 en Tabeirós-Montes, por baixo dos 40.063 e 29.927 do pasado ano e os 40.310 e 30.330 respectivamente do 2017.

A única nota positiva lográbaa o Concello de Lalín, o único dos nove da zona onde se subiu na comparativa interanual. A 1 de xaneiro do 2019 creceu en 115 censados, desde 20.103 a 20.218, incrementando ademais o ritmo, xa que só subira en 28 do 2017 ao 2018. No resto de municipios houbo caídas máis ou menos significativas. Destacou o descenso na Estrada, o que conta con máis poboación na zona, ao baixar nun ano en 182, desde os 20.661 aos 20.479, lonxe dos 20.700 que tiña a 1 de xaneiro do 2017.

Silleda pola súa banda mantívose en cifras parecidas, perdendo só 11 censados, ao pasar de 8.698 a 8.687, aínda que se intensificou fronte á comparativa 2017-2018, cando só perdeu un. En Vila de Cruces reduciuse a poboación en 27 residentes, de 5.273 a 5.246, paliando o derrubamento que se produciu no período anterior, xa que se baixou en 216 desde os 5.389 do 2017 aos citados 5.273 do pasado exercicio.

En Rodeiro incrementouse a caída, con 72 censados menos, ao caer a 2.437 desde 2.509 este ano, fronte aos 46 no 2018. No caso de Agolada reduciuse o descenso, con 26 menos —de 2.370 a 2.344— fronte aos 51 anteriores —de 2.431 a 2.370—. Dozón tamén retardou a perda de poboación. Quedou en 1.082 fronte aos 1.110 do 2018, 28 menos, tras ter caído 69 no 2018, desde 1.179.

Forcarei tamén matizou a caída poboacional, ao computar 3.388 o pasado 1 de xaneiro fronte aos 3.451 desa data do 2018, con 63 menos, cando na comparativa co 2017 perdéronse 72. Para rematar, en Cerdedo-Cotobade reduciuse o censo en 116 persoas, desde 5.815 a 5.699, mentres foran 292 o pasado ano respecto ao 2017, que se computaron 6.107.