Un quinto premio da lotería reparte alegría en Lalín e Cerdedo

Rocío García Martínez
Rocío García LALÍN, A Estrada

LALÍN

r. g.

O lalinense Café Camilo vendeu un décimo de máquina do 74770 e a cerdedense Casa Fortes outro

22 dic 2019 . Actualizado ás 13:48 h.

Un quinto premio da lotería de Nadal, moi repartido, por toda España, deixou tamén alegría en pequenas doses en Lalín e Cerdedo. Foi o número 74770, dotado con 6.020 euros ao décimo.

En Lalín, vendeuse un único décimo deste número no histórico Café Camilo da rúa Joaquín Loriga. Segundo explica, o propietario do bar, Carlos López, foi un décimo de máquina que foi adquirido esta última semana por unha clienta habitual do establecemento. A afortunada, de Lalín, chamou esta mañá ao establecemento para compartir gratitude e alegría cos intermediarios do seu golpe de sorte. No bar, receptor mixto de Loterías e Apuetas do Estado que vende o décimo azul desde fai tras anos, a sensación esta mañá era de tranquilidade absoluta, aínda que o tema non deixaba de comentarse mentres na tele continuaba retransmitíndose o sorteo. Este é o primeiro premio da lotería de Nadal que reparte o Café Camilo, que xa repartira un segundo da Lotería Nacional. «Aínda estamos a tempo de dar máis», dicía Carlos López ilusionado.

En Cerdedo, o premio foi repartido no establecemento  Casa Fortes, no número 59 da estrada de Ourense. Casa Fortes é un supermercado que desde hai pouco máis dun ano funciona tamén como punto mixto de venda de lotería. O negocio vendeu un único décimo do quinto premio da lotería de Nadal co mesmo número que en Lalín, o 74770. Era de máquina e descoñécese quen foi o agraciado. O propietario do establecemento, Gonzalo Fortes, felicitábase esta mañá polo premio. «Levamos pouco máis dun ano e xa repartimos este premio e outro décimo dá lotería do sábado premiado con 60.000 euros», conta.