A Estrada, Lalín e Silleda rexistran unha onda de roubos de madrugada

r. r. / r. g. LALÍN / A Estrada / LA VOZ

LALÍN

A gasolineira SBC foi asaltada cun coche puenteado no municipio estradense

19 novs 2019 . Actualizado ás 10:06 h.

Madrugada movida na Estrada. Varios descoñecidos roubaron no municipio estradense un Volkswagen Passat que utilizaron para cometer varios roubos na zona e logo deixaron abandonado en Santa Lucía (Santiago).

Os amigos do alleo fixéronlle unha ponte ao vehículo e conducírono ata a gasolineira SBC, na PO-841, á saída da Estrada cara a Santiago. Alí, segundo puideron gravar as cámaras de seguridade da estación de servizo, os ladróns baixáronse do vehículo portando un pico, unha maza e diversos dispositivos, que finalmente non chegaron a utilizar. Coas súas propias mans, os ladróns arrincaron de raíz a máquina de cambio do túnel de lavado. Os ladróns -que segundo parece eran tres- portaban pasamontañas e cubrían o rostro tamén con capuchas, polo que as súas caras non son apreciables.

Os feitos sucederon sobre a 1.55 da madrugada. Os propietarios da estación de servizo indican que, nese momento, a máquina que os ladróns arrincaron de raíz e levaron no maleteiro do coche podía conter uns 50 euros.

Na gasolineira non había persoal algún in situ, xa que a norma da empresa é ofrecer atención a distancia desde a oficina central.

Tras a incursión na gasolineira, os amigos do alleo continuaron camiño ata Pontevea (Teo). Romperon a porta do Bar Atallo e levaron un comprimido e algún solto que había na caixa.

Calcúlase que sobre as tres da madrugada o coche foi abandonado en Santa Lucía (Santiago). Foi lanzado por un terraplén nunha leira ao bordo a pista que conduce ao Eixo, detrás de Automocións Grille. Foi localizado, aceso, pero sen rastro do botín nin dos seus ocupantes, por un repartidor que traballaba na zona.

Tamén na comarca dezana a madrugada pasada foi movida. Os amigos do alleo realizaron varios golpes en locais e empresas nos municipios de Lalín e de Silleda.

En Lalín, entraron nunha empresa do polígono Lalín 2000 e nun bodegón do centro urbano.

Uns golpes aos que se suman os acaecidos nun restaurante de Silleda, nunha empresa da Bandeira e un intento de roubo nun bar de Silleda, aínda que neste caso, os ladróns non conseguiron entrar.

Nave no polígono

Na empresa Mejuto do polígono Lalín 2000, os ladróns demostraron coñecementos da empresa evitando algunhas medidas de seguridade. A voz de alarma dábaa unha persoa de seguridade a iso das cinco da madrugada. Accederon por catro sitios e romperon algunhas fiestras para entrar nalgúns despachos. Os ladróns buscaban diñeiro pero fóronse con pouca cousa. O responsable da firma apunta que «nunca se deixan cartos, máis alá de algunha cantidade pequena, neste caso para pagar algunha dieta de comida a algún traballador». Era a primeira vez que sufrían un roubo.

«En dúas horas -apunta Mejuto- xa tiñamos todo listo de novo para poder seguir traballando». O polígono Lalín 2000 contas desde hai tempo cun servizo de seguridade e de vixilancia que ten como obxectivo combater este tipo de roubos que antes se repetían con certa frecuencia na zona. Os axentes da Garda Civil desprazáronse onte á nave para inspeccionar a zona e iniciar a investigación correspondente.

Por estas datas, próximas ao Nadal, cada ano prodúcense ondas de roubos deste tipo co que se recomenda extremar as medidas de seguridade.

Actuacións rápidas de encapuchados en busca de diñeiro en metálico

En todos os golpes da pasada noite, os amigos do alleo buscaban diñeiro en metálico. Nalgún caso, do mesmo xeito que ocorría nos da Estrada, as cámaras gravaron aos ladróns, que tamén ían encapuchados para evitar ser identificados.

En Silleda, unha das paradas, foi no restaurante O Camiño, onde forzaron a porta de entrada rompendo tamén a reixa e unha vez dentro levaron diñeiro da caixa rexistradora, a recadación da cesta de Nadal que sortea o establecemento co gallo das festas e destriparon o comecartos en busca de efectivo.

O propietario cifra en preto de 2.000 euros o que lle pode custar esta visita, incluídos os danos causados e as reparacións a realzar. Foron 1.100 euros en metálico por unha banda e algo máis de 200 euros por outra, calcula. As cámaras gravaron o golpe.

Outro dos roubos produciuse nun local da Bandeira. A estes sumábase tamén un terceiro, aínda que neste caso ao parecer quedou nun intento de roubo. O ruído realizado polo ladrón ou ladróns para intentar acceder a un bar situado na rúa Ramón de Valenzuela alertou aos veciños que lograron ver a unha persoa encapuchada fuxindo e abandonando o lugar.

En Lalín ao roubo nunha nave sumouse tamén esa mesma noite o ocorrido nun bar de Lalín., no Bode Senra, onde os ladróns tamén puxeron os seus ollos no comecartos en busca de diñeiro en metálico.

Son golpes na, maioría dos casos realizados en moi pouco tempo o que permite aos ladróns escapar rápido.