Pontevedra suma un total de 38 concentracións parcelarias abertas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Na provincia executáronse 125 que supuxeron a reorganización de 37.298 hectáreas

18 novs 2019 . Actualizado ás 09:39 h.

Primeiro foron as concentracións parcelarias, que agora se denominan reestruturacións agrarias. Co paso do tempo as leis foron cambiando e o obxectivo continúa sendo o mesmo: reorganizar as terras agrarias para promover a xeración de riqueza, e de paso, loitar contra a sangría do despoboamento. É o que pretende a nova lei que está previsto que este mes chegue ao Parlamento.

E é que nun territorio como o noso no que impera o minifundismo, as parcelarias son o mellor recurso para reorganizar as terras e conseguir terreos amplos que permitan o desenvolvemento agrario. Son procesos que moitas veces se prolongan no tempo mesmo durante décadas. Algúns tamén, acaban quedándose polo camiño, en ocasións pola renuncia por parte dos afectados. Axilizar eses procesos e priorizar as actuacións en zonas onde esas terras vaian producir e a ser ocupadas son dúas das cuestións nas que se centra a Xunta.

Tras décadas de concentracións, a Consellería de Medio Rural cifra en 38 o número de parcelarias que nestes momentos se atopan abertas na provincia de Pontevedra. Supoñen a reorganización de 30.394 hectáreas de terreo que están en mans de 89.218 propietarios.

Un número moi inferior ao de concentracións parcelarias acabadas. Na provincia son un total 125, que supuxeron a reorganización de 37.298 hectáreas de terreo de 46.632 propietarios. Estes procesos supuxeron converter 414.756 parcelas en 94.502 leiras, despois desas concentracións de terras.

Entre as aínda non pechadas atópanse as da Graña-Campo (Covelo), Agudelo-Barro-Valiñas, Arca-Nigoi-Sector Arca (A Estrada), a de Barciademera (Covelo), Codeseda (A Estrada), Duxa,e-Ínsua-Portodemouros (Vila de Cruces), Estás-Goián-Figueiró (Tomiño), a de Godos (Caldas de Reis), Lois-Monte de Ribadumia e a Meavía-Quintillán (A Estrada). Destas a que reestruturará unha maior superficie de territorio é a de Meavía-Quintillán con 2.169,31 hectáreas seguida das de Codeseda, con 1.064,17 hectáreas e a de Duxame-Ínsua-Portodemouros con 1.197,81 hectáreas. A máis pequena do grupo sería a de Arca, tamén na Estrada con 330 hectáreas e a de Godos con 388.

Teñen a probadasas bases provisionais a de Curro -Portela (Barro), con 677 hectáreas; a de Oleiros (Silleda) con 260 hectáreas, e as de San Martiño-Armenteira (Meis), tanto a correspondente ao sector uno como ao dous con 834 e 333 hectáreas respectivamente.

A esta lista súmanse as de Baión (Vilanova de Arousa), Brandariz-Obra-Sector Brandariz (Vila de Cruces), Briallos (Portas), Catoira Norte, Catoira Sur, Cercio (Lalín), Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto (Lalín), Nogueira (Meis), Perdecanal-Barro II, Troáns Sector I (Cuntis), Val-Bermés-Selo (Lalín) e Val de Camba (Rodeiro). Todas elas teñen xa aprobadas as bases definitivas. A de Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto, no Concello de Lalín, actúa nunha superficie de 2.282,85 hectáreas, a de Val-Bermés-Selo, tamén en Lalín reestrutura 2.008 hectáreas e a de Val de Camba, en Rodeiro, 1.811. Ten xa as bases definitivas en firme a de Tremoedo, en Vilanova de Arousa.

Hai uns días, Medio Rural convocaba aos afectados pola parcelaria de Cercio, en Lalín, para abordar as preferencias sobre a localización das futuras leiras. Tras este encontro informativo, a Xunta abre mañá, día 19, e ata o 18 de decembro o prazo para que manifesten as súas preferencias sobre a localización das leiras de substitución. Esta parcelaria iniciouse en 1986 para 498 hectáreas, con 253 titulares e 3.098 leiras.

Dous anos de reivindicacións na Golada

Hai dous anos, un grupo de veciños de Agolada creou a plataforma Queremos parcelarias coa que reclamar a reapertura de varios destes procesos no seu municipio. Consideran que a reestruturación das terras agrarias é unha cuestión de supervivencia. Durante este tempo os responsables da Xunta visitaron en varias ocasións o municipio e mantiveron reunións diversas. As respostas incluían agardar á aprobación da nova lei que chegará ao Parlamento e que condiciona dalgún xeito o futuro.

Os veciños non se renden e levaron a cabo xa diversas accións incluída unha reclamación á Valedora do Pobo. A próxima é o envío dunha denuncia a Bruxelas. Reclaman que se reactiven as parcelarias que se iniciaron no seu día no municipio, algunhas hai moitos anos nalgún caso, por desinterese naquel momento dos propietarios. Agora todos as reclaman e as présas veñen dadas porque o 12 de decembro caducan os estudos de impacto ambiental realizados naquel momento.