Localizan ao lalinense fuxido parapetado nunha casa familiar
do Irixo

La Voz

LALÍN

MIGUEL VILLAR

03 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Garda Civil do Carballiño localizou na tarde de onte ao lalinense de 46 anos de idade que fuxiu este venres do Hospital de Ourense nunha casa que a familia ten no municipio ourensán do Irixo, limítrofe coa capital dezana. Os axentes descubrírono ao redor das 19.00 horas parapetado na vivenda.

Ao parecer abrira as bombonas de gas, tiña coitelos e estaba a beber lejía. O home foi trasladado ao complexo hospitalario ourensán para recibir asistencia. A súa familia requirira unha ambulancia a noite do xoves para atender a este home que ao parecer sufría nese momento un brote de esquizofrenia. Requiriuse a colaboración da Garda Civil e unha patrulla axudou aos servizos sanitarios a conseguir que entrase na ambulancia. Desde alí foi trasladado ao hospital de Ourense onde ingresou pasadas as 21.00 horas. A iso das 00.30 horas marchouse da área de Psiquiatría e descoñecíase o seu paradoiro iniciándose unha operación de procura. Ao parecer tras no ingreso non contaba con vixilancia das forzas de seguridade.

Saída de vía en Cerdedo

Por outra banda, ás 12.46 horas de onte, unha muller e un adolescente resultaron feridos leves tras saírse o seu coche da N-541 entre Pedre e Dorna. O coche chocou contra o talude. Os feridos foron trasladados polo 061. Ata alí se desprazou tamén Protección Civil de Cerdedo, a Garda Civil de Tráfico e mantemento de Fomento.