Lalín leva a pleno nove modificacións de crédito por máis de 350.000 euros

La Voz

LALÍN

cedida

Destínanse a reparacións dos danos da saraiba, actividades culturais, obras nos colexios e adquisición de material

20 jul 2019 . Actualizado ás 12:11 h.

O goberno de Lalín leva ao pleno de xullo a aprobación de nove modificacións de crédito por un montante económico de 350.000 euros. O destino dese diñeiro é, apuntan desde o goberno local, acometer necesidades inmediatas nos próximos meses e facer fronte a cuestións de urxencia xurdidas nas últimas semanas. A cifra máis elevada, preto de 150.000 euros, corresponde á partida destinada para a realización de obras no colexio Xesús Golmar. Neste caso, a construción dunha pérgola e o cubrimiento do patio.

A obra fose proposta no mandato anterior polo actual equipo de goberno cando estaba na oposición e fora recollida polo goberno anterior e incluída no acordo dos remanentes.Os traballos consistirán en cubrir o patio de xogos do colexio, o máis grande dos existentes no Concello de Lalín, e a construción de dúas pérgolas. Unha delas destínase á zona infantil e outra se colocará na zona de entrada dos alumnos que utilizan o transporte escolar e que permitirá que os alumnos poidan refuxiarse nela en días de choiva e acceder aos autobuses mollándose o menos posible.

Ao pleno irán outras modificacións que teñen como obxectivo a posta en marcha de actividades culturais programadas entre agosto e decembro. Son iniciativas que se desenvolverán nas rúas, nos auditorios e nos centros sociais do rural. Desde o goberno local apúntase que se pretende dinamizar a vila e as parroquias creando unha programación estable de actuacións por todo o concello con teatro, música, e apoiando as iniciativas de colectivos e agrupacións.

Dentro desta partida incluír 5.000 euros para o Novo Circo na Rúa, 7.000 euros para Titirideza, 10.500 euros para concertos na rúa e 13.350 euros para exposicións no Museo Ramón María Aller, axudas ao ciclo cultural de Cercio entre outras e o abono das representacións do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Outra das modificacións de crédito, neste caso por un montante de máis de 39.000 euros, destínase á execución de reparacións dos danos producidos pola saraiba a principios de mes en edificios municipais. Arranxaranse os lucernarios do Museo e da Praza de Abastos e executaranse outras reparacións no tellado e o teito do edificio da UNED, no Auditorio e no pavillón. Empregaranse 60.000 euros en rozas en diversas parroquias e no centro urbano. Dentro desas modificacións incluír tamén partidas destinadas á compra e actualización de diverso material informático, multimedia e de almacenamento de datos comprando ordenadores que substituirán aos que quedaron obsoletos e que é necesario cambiar, apuntan, para mellorar o traballo na administración electrónica. Unha partida que estará dotada de 18.000 euros.

Por outra banda, tamén se inclúen dúas axudas para colectivos lalinenses. Serán 13.500 euros en total. 11.500 para a Banda de Vilatuxe como colaboración á viaxe a Escaldes-Engorgany onde realizarán varios concertos e outros 2.00 estarán destinados a suplementar a axuda ao Rali do Cocido cuxo expediente tramitado tiña un erro e faltaban estes 2.000 euros de axuda.

Outra das modificacións, de 13.794 euros, empregarase na limpeza da fachada da casa consistorial que, indican desde o goberno local, "levaba anos sen facerse ou que xa provocou que parte do acristalado que conforma a fachada presente manchas que serán imposibles de retirar". Un traballo complicado que, lembran, débese facer en boa parte mediante o guindastre instalado no alto do consistorio. 

Na orde do día do pleno incluirase tamén un expediente para aprobar a bonificación do 95 % do ICIO ao colectivo Apalc polas obras que levaron a cabo na residencia das Dores.