O desemprego caeu nas comarcas en 53 persoas durante o pasado maio

LALÍN

miguel souto

Só subiu en Lalín, Forcarei repetiu cifra e baixou nos outros sete municipios

04 jun 2019 . Actualizado ás 12:44 h.

O paro encadea xa un cuadrimestre de caídas en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. O pasado maio foron 53 persoas as que saíron das listas oficiais do desemprego na zona. Na actualidade son 3.173 os demandantes dun traballo nas comarcas, con 1.874 en Deza e 1.299 en Tabeirós-Terra de Montes; en abril a cifra ascendía a 3.226, con 1.915 e 1.311 respectivamente, segundo os datos feitos públicos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Desta forma seguiuse tamén aquí a tendencia baixista a nivel provincial, galego e nacional do paro.

Por comarcas, a maior baixada produciuse en Deza, con 41 desempregados menos, ao pasar de 1.915 a 1.874. Mentres, foron 12 menos en Tabeirós-Terra de Montes, de 1.311 a 1.299. De febreiro a maio están a encadearse caídas, tras o repunte vivido en xaneiro.

En tan só un municipio das comarcas houbo incremento do paro en maio. Foi en Laín, con 2 desempregados rexistrados máis, ao subir de 1.132 a 1.134. En Forcarei pola súa banda repetiuse a mesma cifra con 125 e nos outros sete municipios descendeu o número de persoas demandantes de emprego. En números absolutos a maior caída produciuse en Silleda, con 18 menos, ao pasar de 384 a 360, seguido de Vila de Cruces con 12 menos, situándose ao acabar maio en 222 fronte aos 234 de abril. En Ceerdedo baixouse nunha decena de parados, con 78 fronte aos 88 previos, e foron 6 menos en Rodeiro, agora con 59 demandantes de emprego fronte aos 65 ao peche de abril. En Agolada saíron dos rexistros 5 veciños en maio, para situarse en 66 fronte aos 71 previos. Para rematar, tanto na Estrada como en Dozón se baixou en 2 desempregados: no municipio de Tabeirós de 1.098 a 1.096 e no dezán de 29 a 27.