Cidadáns denuncia o abandono da parroquia de Anseán

La Voz

LALÍN

23 ene 2019 . Actualizado ás 19:48 h.

O coordinador de Cidadáns Lalín, Pablo Senande, explicou que «os veciños da parroquia de Anseán séntense totalmente abandonados polo actual goberno lalinense», polo que lle demanda ao executivo local que non se esqueza de que goberna para todas as aldeas por pequenas que sexan. Desde a formación laranxa fanse eco de que «a actual alcaldesa de barrio recoñece ter entregado por rexistro, durante estes catro anos de mandato do actual goberno, numerosas demandas das cales non obtivo resposta algunha».

Senande acudiu á zona para coñecer de primeira man esas demandas: «A verdade é que a parroquia presenta un abandono total con respecto ás pistas e cunetas, froito de anos de deixadez». Apunta a viarios invadidos pola maleza e terra, chegando a parecerse máis a camiños de vacas ou corredoiras. Alude a promesas baleiras no 2015, e fala da necesidade de retirar un contador de luz pública na fachada dunha casa particular. Tampouco entenden os veciños de Anseán ?continúa? que noutras parroquias se invistan grandes cantidades en rede de sumidoiros e outras carecen do servizo. «Parece que existen parroquias de primeira e de segunda. Deberíanse garantir os servizos mínimos no rural, sen importar a ideoloxía política que teñan os seus habitantes ou pedáneos».

Pola súa banda, Alberte Senande recolle no seu perfil de Facebook unha queixa veciñal polo mal estado da pista de Muimenta a Carballeda, alagada nalgúns dos seus tramos.