Cáritas Parroquial de Lalín afronta unha completa reestruturación

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

Delegados diocesanos achegarán ideas para deseñar a nova estrutura

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cáritas Parroquial de Lalín afronta unha profunda reestruturación no seu funcionamento; buscando un voluntariado máis preparado para dar resposta ás necesidades que se presentan, ademais de poder contar cun grupo máis numeroso de persoas dispostas a axudar. En Cáritas, a organización oficial da igrexa católica en España para a acción caritativa e social que instituyó a Conferencia Episcopal, «necesitamos de todos e necesitámonos todos pero era precisa unha reestruturación para prestar un mellor servizo», insiste o pai Carlos Salazar.

Os cambios que se irán plasmando na organización perfilaranse paulatinamente e despois dun encontro de delegados diocesanos previsto para mañá en Silleda «que servirá para axudar en posta en funcionamento da nova estrutura». Un voluntariado máis preparado que poida resolver as dúbidas de quen se acheguen á organización é unha das metas incluídas no novo organigrama funcional de Cáritas parroquial. «Chegan emigrantes que necesitan saber que poden facer para regularizar a súa situación no país, necesitamos pois dun avogado, unha traballadora social, un carpinteiro, un médico... a caridade non ten límites e estamos abertos para todos os que queiran colaborar e axudar», dixo.

Entrega de roupa e calzado, xunto a recollida e envío de medicamentos a Venezuela

A chegada masiva de familias enteiras de venezolanos a Lalín tamén se deixa sentir en Cáritas. Un número difícil de contabilizar, segundo o pai Carlos, pero que probablemente seguirá crecendo nos próximos meses xa que «200.000 persoas saen diariamente de Venezuela e algunhas regresan aquí, á terra dos seus avós ou pais buscando algo mellor». Situacións complicadas ás que intentan dar resposta organizacións como Cáritas xa que «moitas familias saen do país sen nada pola cruel ditadura e moitas veces chegan soamente co posto, nós axudamos co que podemos; fundamentalmente con roupa e calzado», explica o pai Carlos.

Desde a parroquia de Lalín actúase en dúas frontes de traballo: o que leva a cabo na propia parroquia para cos retornados e con quen o precisan na entrega de aveños e o que se realiza desde Lalín cara a Venezuela. «Esta segunda fronte consiste en recoller medicamentos que estean en bo estado, e a través da parroquia mandámolos ata Venezuela; máis concretamente a Barcelona e Porto A Cruz onde está o Hospital Xeral de Oriente para axudar alí ás persoas que teñen necesidade dalgún tipo de medicación». Un grupo de persoas de Cáritas, que opera na parroquia Divina Pastora, onde estivo con anterioridade o pai Carlos, faise cargo da distribución dos medicamentos enviados desde Lalín.