Cristina Pichel afronta «con moitas ganas e ilusión» a dirección xeral de Xuventude

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

06 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras publicarse onte no Consello da Xunta o seu nomeamento como directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a lalinense Cristina Pichel Toimil explicaba que asumía o reto «con moitas ganas e ilusión» indicando que «son unha persoa nova e, do mesmo xeito, creo sinceramente que a xuventude galega ten un papel determinante na construción da Galicia do futuro».

Xornalista de carreira e ata agora de profesión, no gabinete de prensa nos últimos meses na Consellería de Cultura e Turismo e antes diso na de Cultura e Educación, o seu nomeamento supón pasar alén, diante das cámaras. Nada en Ribela, na parroquia de Barcia. Cristina Pichel, é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.

Pouco despois do seu nomeamento, o portavoz do PP de Lalín, José Crespo, alegrábase da «moi boa nova para Lalín que nos deixa a reunión do Consello da Xunta». Comentaba que xa puidera felicitala persoalmente «para desexarlle o mellor nesta nova etapa na que seguro que terá a Lalín moi presente».

Sinalaba que «non teño ningunha dúbida de que o seu traballo superará as expectativas de todos porque no seu caso a xuventude é un valor engadido á súa valía, ao talento e á responsabilidade».

Un nomeamento co que Crespo entende que tamén se reflicte que «o presidente Feijoo fíxase na canteira política de Lalín e ten a esta terra moi en consideración».