Unha asociación co sabor de Lalín

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Produtos de calidade do municipio reunidos para traspasar fronteiras, promocionarse e vender marca

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nove produtores de Lalín acaban de crear unha nova asociación alimentaria que ten como obxectivo axuntar forzas de cara a iniciativas comúns de promoción dos seus produtos e suma once membros. Sabor Lalín nace aberta a sumar novos membros. Onte o colectivo presentouse en sociedade nun acto que tivo lugar no gastrobar Dona Maruja. Intégrano José Antonio Pousa, de Licores Pousa, que ocupa o cargo de presidente; José Ramón Vilela de panadería O Gaiteiro o de vicepresidente; Antía Carral de Leite O Alle o de secretaria e Carlos Brea, de Cervexa Toupiña, o de tesoureiro. A eles súmanse no colectivo Román Santalla e José Manuel Hermida de queixos Cobideza e Doa Cobiña, Álex Moure de Kalekoi. David Liñares e Laura Montoto de Mel Liñares, Víctor Carreira de Embutidos Endeza e Vanesa Berasain Ferreira do Pan de Vane, que onte non puido estar no encontro. Os cargos, din, irán rotando entre os integrantes.

Os que queren sumarse a este club teñen que reunir unha serie de requisitos. Esíxese ser produtor de Lalín e que a transformación dos produtos leve a cabo tamén no municipio lalinense.

Onte explicaron que levan un ano preparando a agrupación e algún xa suma tres coa idea na cabeza. A idea de crear o colectivo foi xurdindo, apuntan, nas feiras nas que coincidían. Falando, falando naceu a necesidade de promocionar os seus produtos en feiras nacionais e a idea de ir xuntos para, por unha banda, abaratar custos e por outro tamén., entenden que, «ou ter un posto con diferentes produtos do mesmo sitio tamén chama máis á atención dá xente que pasa por alí». Trátase de «vender Lalín» subliñando que Lalín ten unha merecida fama de produtos de calidade e iso tamén axuda como marca. Os nove que integran o colectivo son unha boa mostra desa calidade, pero hai moitos máis e agardan que se sumen a unha asociación que é todo sabor. De momento xa dispoñen dunha dirección de correo electrónico a través da que os interesados en formar parte do colectivo poden contactar, ou tamén falando con algún dos integrantes. lLa dirección é saborlalin\gmail.com

Algún deles por separado xa accedeu a algún salón importante como é o caso de Alimentaria. En cuestión de custos, Álex Moure, destacaba xa para empezar o prezo do metro cadrado na feira, e uns gastos de máis de 2.000 euros só por instalarse destacando que a Xunta ofrece tamén axudas aos produtores para poder promocionar os seus produtos neste tipo de citas. A agrupación prepara unha páxina web, aínda que de momento, din, non ten previsto incluír a venda en liña, alegando que entre os membros se atopan produtos perecedoiros que complicarían un pouco este tipo de vendas, aínda que non se descarta.

En carteira teñen xa unha próxima iniciativa que se presentará en breve. De momento, e case sen querer, suman xa produtos de sectores diferentes. Iogures e leite de Kalekoi, leite cru do Alle, queixos de Cobideza, embutidos de Endeza, pan e doces do Gaiteiro e O Pan de Vane, cervexa de Toupiña, licores de Pousa e mel de Liñares. Produtos made in Lalín que namoran alí onde van.

O colectivo traballa na creación dunha páxina web para darse a coñecer

Aberta a novos membros aos que se esixe que transformen o seu produto en Lalín