O Coreti Rugbi Lalín imponse con claridade ao Pontevedra (50-17)

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MIGUEL SOUTO

Os «abellóns» brillaron na primeira parte e reaccionaron na segunda tras relaxarse pola vantaxe inicial

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Primeiro partido no Cortizo e vitoria para o Coreti Rugbi Lalín por 50-17 ante o Pontevedra. Un encontro importante para os intereses dos abellóns, que perseguen meterse no play off polo título, sabedores que non poden fallar ante este tipo de rivais. Noutro nivel están conxuntos como Os Ingleses, cos que debutaron a pasada semana en liga perdendo en Vilagarcía por un incontestable 67-0. Pero ante os pontevedreses logrouse asinar unha excelente primeira parte, aproveitando a superioridade da dianteira roxinegra, con moito máis peso. Ao descanso vencían os locais por un claro 31-0.

A relaxación polo resultado tan amplo a favor, talvez tamén certo bajón físico, puideron ser o motivo de que se entrase con menor ritmo e peor en defensa no segundo período. Os abellóns recibían dous ensaios do Pontevedra, que obrigaron aos técnicos a demandar un novo impulso no xogo. A reacción do Coreti non se fixo agardar para ampliar a súa vantaxe e rematar o choque cun claro 50-19 ao seu favor, sumando así os seus primeiros puntos en liga.

A melloría na organización do xogo, con boas dinámicas de xogo tanto en ataque como en defensa, especialmente antes do descanso, propiciaron esa primeira vitoria. O Coreti Rugbi Lalín xogou de saída con Javi, Amary, Mineti, Rambo, Mario, Bruno, Pablo, Miluco, Triki, Díaz, Bilí, Antón, José, Edwin e André; tamén tiveron minutos Marcos, Alfonso, Piñeiro, Iago, Curro , Sergio, Paxaro e Viana.

Antón foi o encargado de abrir a conta anotadora, cun ensaio no minuto 17 con transformación posterior de André, repetindo Antón no 21, mentres Rambo conseguía o primeiro dos dous seus no 32, o segundo no 41. Miluco lograba tres ensaios nos minutos 40, 70 e 76. André logrou en total tres transformacións, asinando unha Triki, para completar o marcador dos roxinegros.