A prolongación do verán atrasa a colleita de castañas na zona

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

As dúas comarcas achegan algo máis de 5 % da produción que se recolle en Galicia

10 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

No mes de agosto os produtores de castaña prometíanllas felices despois dun mes de xullo chuvioso que conseguiu engordar o froito. Despois diso o verán irrompeu con forza e prolongouse durante setembro e parte de outubro xerando unhas condicións que non son boas para unha colleita que este ano arrincou máis tarde do habitual. Unha situación que repite, en parte os parámetros, da do ano pasado pero que se agarda mellor. O presidente da Indicación Xeográfica Protexida dá Castaña, Jesús Quintás, sinala que «a colleita vén atrasada e faltan aínda dez ou quince días para que a campaña estea xa con forza». Espera que «nos axuden as choivas que dan para a partir de agora, e que as variedades tardías, sobre todo nas zonas de montaña, poidan recuperarse un pouco e facer que medren os froitos».

Lembra que «a castaña é un froito de outono e como tal precisa dun tempo de outono, de algo de fresco e auga». Algo que ata agora non houbo. Quintás sinala que habitualmente a produción de castañas nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes pode supor entre o 5 % e o 6 % do global en Galicia.

Este ano, indica, «non sabemos porque o ano pasado a colleita foi mala e a ver como vai esta». Na zona, as sensacións van por barrios. Algúns produtores aínda non empezaron a colleitar o froito e outros o empezaron a facer pero en pequenas cantidades e aínda non iniciaron a súa comercialización. Nalgún caso mírase ao ceo á espera de que a choiva poida dar un pequeno impulso ás variedades mais tardías.

En Lalín, empezáronse xa a recoller as primeiras castañas. Cada zona é un mundo e tanto o tamaño como a saúde dos froitos depende de moitas circunstancias. Hainas dun tamaño intermedio, pero o que non parece é que vaia a ser un ano de castañas grande. A do 2017 foi bastante escasa e esta vez agárdase mellorar algo aínda que haberá que agardar unhas semanas. Jesús Quintás apunta que «ou ano pasado tivemos un cultivo moi malo e este ano non será unha gran colleita».

Avispilla do castiñeiro

Pesa tamén a avispilla do castiñeiro que está xa totalmente estendida por Galicia e que, apuntan algún produtor de Deza, «está afectando moito na zona». A pesar de todo hai algunhas paraxes que se salvan dependendo tamén da vexetación que se atopa ao redor dos soutos e a localización destas plantacións.

O presidente da IXP Castaña de Galicia indica que «en tres anos estendeuse por todas partes, e reprodúcese moi rápido!». Un avance imparable que se intenta deter por medio da solta de depredadores naturais da avispilla.

É, di Quintáns, unha medida da que se verán os resultados a medio ou longo prazo argumentando que «é unha loita biolóxica e hai que darlle tempo». Se non se para e contrólase, avisa, «pode acabar co froito e con algunha árbore».

Bos prezos no arranque da tempada e nove produtores ecolóxicos do froito

Os prezos da castaña están a ser bos neste arranque de tempada. Quintás cifra entre un e dous euros por quilo, dependendo das variedades, o que se paga aos produtores. Os almacéns que serven ás froiterías estanas vendendo a estes comerciantes en Ourense a 1,85 euros o quilo e á 2,75 euros o quilo na Coruña. A estas cifras engádese a ganancia dos establecementos e que dá despois o prezo de venda ao público, que dependendo do tamaño e as variedades pode ser moi dispar.

En Deza e Tabeirós-Terra de Montes figuran nove produtores que comercializan castañas dentro do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica.

O groso está en Lalín con seis produtores, algún deles só comercializa castañas, e outros engaden a este froito numerosos produtos de horta, entre outros. A estes súmanse dous na Estrada, un deles a Fundación Casa Ducal Medinaceli e un en Soutelo de Montes, en Forcarei.

Entre todos, á parte das castañas, suman un gran abano de produtos, algúns silvestres como mouras ou cogomelos pasando por herba deshidratada, nun caso, noces ou flores como as camelias que ten na súa lista o Pazo de Oca.

Aumento das plantacións e preocupación polo cambio climático

Quintás explica que na zona nos últimos anos detectaron un crecente interese polo cultivo de castaña que se traduciu nun aumento das plantacións. O cambio climático e estes últimos anos con veráns prolongados, explica, está sementando a preocupación entre os produtores. Un quecemento global ao que se suma a extensión da avispilla do castiñeiro.

Precisamente a calor en exceso que se vai repetindo estes últimos anos no mes de setembro e case en outubro é unha das cuestións que preocupan aos produtores. Para Quintás, «teremos que empezar a regar para que a planta non sufra, porque todo o mes de setembro estiveron estresadas», recordando que «en Francia, onde chove menos que aquí, xa levan anos regando».