Goberno de Lalín e PP intensifican a negociación polos remanentes

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Os populares remitiron un escrito a Casares para coñecer a valoración das obras que propoñen, e o executivo expón traballos en Liñares e centros sociais

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Goberno de Lalín e PP intensifican a negociación para sacar adiante investimentos cos remanentes do 2017. Tras a reunión mantida o pasado 31 de xullo con presenza de González Casares e Francisco Vilariño polo executivo, e Crespo Iglesias con José Antonio Rodríguez polos populares, os contactos son agora por escrito. O PP acaba de rexistrar unha comunicación dirixida ao tenente de alcalde na que reclaman a valoración das obras propostas «e que vostedes nos dixeron na reunión que as ían incluír todas». Son un total de 16 pistas, ás que se suman redes de sumidoiros en dúas parroquias: Losón (Milleirós, Souto e Outeiro) e Botos (Fontao, Somoza e Ateán). Os populares queren saber as cantidades a que ascenden todas estas obras.

Por outra banda, aprecian «eivas importantes» nunha serie de memorias que lles remitiu o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, de amaño de rúas e proxectos relacionados con turismo. A pesar de indicar que poden coincidir coas obras, entenden que os proxectos presentan distintas deficiencias.

Fuentes do goberno municipal indicaban onte que González Casares respondeu de inmediato ao escrito do PP, sinalándolles que se ultima a valoración das pistas propostas polos populares. Ao tempo, o executivo expón xa distintos proxectos para que os estude o PP. Son rúas de Lalín, como Memorias dun Neno Labrego -para a que parece garantido o consenso- e tamén actuacións nalgún espazo salga do pazo de Liñares, como o dedicado ao xeógrafo Hilgen. Tamén pretende o executivo a realización de melloras en centros sociais como os de Bermés e Santiso. Cuestións todas elas pendentes de negociar, porque o goberno alberga dúbidas sobre a necesidade de actuar de forma prioritaria nalgunha das pistas que propón o PP -é o caso do acceso sur de San Xurxo a Cristimil-.

A falta de pechar a valoración, estímase que as obras que poden chegar ao próximo pleno de acadarse un acordo superarán o millón de euros de investimento.

As distintas forzas confían en acadar un acordo antes do pleno

Os distintos partidos do goberno e a oposición confían en acadar un acordo antes do próximo pleno para investir boa parte dos remanentes 2017. José Crespo pronúnciase nesa liña no escrito remitido a Casares, apuntando que está no ánimo dos populares «polo ben dos veciños de Lalín, poder chegar a un acordo con respecto aos remanentes 2017» polo que lle demandan que cando teña a documentación se poña en contacto con eles para poder seguir falando. Ao tempo, lémbranlle que «hai mocións dá oposición aprobadas por unanimidade que non contémplanse e que queremos incluír na dita negociación». Desde o goberno municipal tamén se confía en que se acade un acordo antes do pleno, para poder levar a sesión os correspondentes expedientes de modificación de créditos e axilizar as obras na medida do posible. Fuentes municipais apuntaron a posibilidade de levar dúas modificacións distintas: para investimentos financieramente sostibles; e as de libre disposición.