Xoán Ledo é operado con éxito do menisco e será baixa durante un mes e medio

La Voz

LALÍN

Rober Amado

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O porteiro lalinense do Bidasoa, Xoán Ledo, foi operado con éxito do menisco do seu xeonllo esquerdo polo doutor Javier de la Fuente. O deportista descansará durante as próximas datas en Lalín e despois comezará a recuperación en Irún.

«Empecei a notar molestias o primeiro sábado da tempada, o día 4, pero non sabía moi ben por que era xa que non fixen ningún movemento estraño nin ningunha caída. Fíxenme unha resonancia e saíume que tiña o menisco externo da miña perna esquerda roto», relataba o xogador da liga Asobal. «Debía ser de facía anos que mo rompese e rematase de romper ese sábado», concluía. Ledo estará apartado dos terreos de xogo durante un tempo. A súa volta está prevista para dentro dun mes e medio, a condición de que non haxa complicacións durante a recuperación, segundo el mesmo aseguraba: «En teoría, é mes e medio e coincidiría coa cuarta xornada de liga que é contra o Barça, pero nin o equipo nin eu queremos que force, así que agardo que para a primeira semana de outubro estea xa perfecto». O Barcelona é o campión da liga e por iso poderíase pensar en forzar para chegar, pero non o farán. A seguinte xornada, o equipo de Irún enfrontarase ao Fraikin Bm Granollers en casa e agardan poder contar con Ledo.