Crespo: «Dous bolardos terán que falar con Fomento non só na rede»

ou. p. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

O portavoz popular negocia os remanentes e advirte de necesidade de actuar en rúas como Neno Labrego

15 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O portavoz popular de Lalín, José Crespo, referiuse onte aos polémicos bolardos instalados por Fomento en cálea Ponte, que suscitan fortes críticas veciñais e do propio goberno local. Dixo que se o executivo o considera intolerable, «que fagan algo, que están a gobernar», e non limitarse a críticas en prensa ou Facebook, «iso non é xestión». Insta a reunirse con Fomento, co xefe da Demarcación de Estradas, unha actitude que entende Crespo debe facerse cada vez que un ministerio ou consellería actúan no municipio sen permiso. Sinalou que desde o goberno terán fío directo con alguén do PSOE para solucionar o problema, cun Ministerio de Fomento socialista. Advertiu, en todo caso, da proliferación de bolardos e liñas amarelas tamén en rúas de competencia municipal, aínda que admitiu a conveniencia de algunhas. Nesta liña, e ante a demanda socialista para que influíse na Xunta en buscar solucións para as velutinas, Crespo subliña que cando el negociaba como alcalde con Touriño, Quintana ou José Blanco «non pedía auxilio a outros partidos».

O portavoz do PP asegurou que por respecto aos lalinenses intentarán que os remanentes do 2017 saian adiante, e están á espera de valoración dos camiños que eles propuxeron ao goberno, xunto a algunha rede de sumidoiros. Crespo denunciou en Radio Lalín o abandono ao que ao seu xuízo o goberno local someteu a rede viaria: para o seu mantemento considera preciso actuar polo menos en 120 quilómetros ao ano, e cre que nos tres anos de mandato o executivo non acada esa cifra. Deixou claro que non apoiarán investir preto de 800.000 euros na avenida Cuíña, cando rúas como Neno Labrego o precisna máis. Referiuse á rede de sumidoiros, sinalando que cando o PP se foi do goberno no 2015 «había 80 aldeas con rede de sumidoiros. Hoxe son as mesmas, e cando conclúan as obras en Zobra serán 81», a pesar de que o goberno alardea de que este é o mandato do rural.

Rozas a última hora

Estendeu esas críticas ás rozas, sinalando que se están facendo a última hora, e en varios casos, practicamente nos días das festas. Sobre o aparcadoiro tras os xulgados, dixo que se precisa modificar o PXOM para actuar e asegura que non dá tempo: «Hai que ser serios», expuxo.