O GDR aprobou 12 proxectos cun investimento de 2 millóns de euros

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Unha vez ratificada por Agader quedarían comprometidos todos os fondos dispoñibles

23 ago 2018 . Actualizado ás 01:08 h.

A xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte aprobou unha proposta de resolución de nove proxectos produtivos e tres non produtivos que serán enviados a Agader para ser ratificados. O visto e prace destas doce iniciativas deixarían xa comprometidos todos os fondos dispoñibles da presente convocatoria. Quedarían ademais en lista de espera, explican desde o GDR, outros nove por non haber diñeiro suficiente para todas as solicitudes aprobadas, explican. Os doce aprobados suman un investimento de máis de dous millóns de euros. Desta cifra, a dos proxectos produtivos acada 1.262.478 euros.

Centro de negocios

Entre as iniciativas, que pasaron o filtro da xunta directiva e serán remitidas a Santiago, a que suporía un maior investimento, será a posta en marcha dun centro de negocios no polígono Lalín 2000 promovida pola empresa Centro de negocios Lalín S. L.

O proxecto conta cun investimento aprobado de 553.903,44 euros e proponse unha subvención de 200.000 euros. As instalacións atópanse nestes momentos en construción . A empresa pretende ofrecer oficinas en alugueiro _algunhas aptas para persoas con algunha discapacidade_ xunto cunha carteira de servizos entre os que se atopan os de oficina virtual e de secretariado virtual e contará, entre outras instalacións, cun salón de actos para a realización de actos empresariais, cursos e encontros. Esta sería unha axuda bianual que tería que estar xustificada antes do 15 de outubro do 2019, mentres que as anuais o terían que ser antes do 15 de outubro deste ano.

Na lista de proxectos atópase tamén o de Ganadeza S. L. que investirá 219.412,22 euros nun sistema de produción de enerxía eléctrica para autoconsumo e sistemas de aforro enerxético na súa explotación de vacún. A subvención proposta ascende a 109.571,11 euros Coafor SCG pide axuda para abrir nas súas instalacións de Forcarei unha tenda de produtos de calidade da zona e das cooperativas agrarias. Investirá 249.337,4 euros e proponse unha axuda de 85.509 euros. Isabel Rodríguez Louzao presentou un proxecto para subir de categoría, a dúas tenedores, o restaurante A Robleda. Investirá 67.272,77 euros e recibirá, se se aproba, unha axuda de 33.636.39 euros.

Mel, leite e queixo

Kalekoi investirá 29.900 euros e recibiría 14.950 euros de subvención para unha máquina embotelladora de leite con enroscadora automática. José Manuel Bernárdez Saburido presentou un proxecto de 43.555 euros e recibirá unha subvención de 21.77 euros para poder ser un taller Bosh Car Services. O GDR propuxo unha axuda de 5.345 euros para un proxecto orzado en 10.690 euros presentado por Ramona Doval do Campo para o acondicionamento dun local de envasado e etiquetaxe de mel. Lácteos Farelo recibiría 27.077 euros para financiar parte dun proxecto de 54.155 euros para mellorar a calidade. A xunta propón outorgar 49.293 euros a Sotega Noroeste S. L, a falta de fondos para poder completar os 200.000 euros, para un proxecto cun investimento de 588.154 euros,

Arqueoloxía, turismo e unha furgoneta

Dos tres proxectos non produtivos presentados, un deles é da Asociación de Amigos Casa do Patrón para financiar a intervención arqueolóxica do Castro de Doade. O proxecto ascende a 21.054 e proponse unha subvención de 18.948 euros. Outro deles é do Club Basketdeza que investirá 35.900 euros na adquisición dunha furgoneta para o club. A subvención proposta ascende a un total de 32.310 euros. A terceira destas iniciativas foi presentada pola Comunidade de Montes veciñais de man común Chamosa para a recuperación ambiental da contorna fluvial da Freixa de Chamosa como destino turístico. O investimento ascendería a 53.591 euros e a subvención proposta a 48.232 euros.