Nova quenda de requirimentos nos concellos para instar a limpar as leiras

La Voz

LALÍN

Cedida

O prazo acabou hai case dous meses e hai moitos propietarios que os obviaron

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O 31 de maio acababa o prazo que os particulares tiñan para limpar de maleza as leiras para evitar incendios forestais. Uns labores ás que debían facer fronte, en base á Lei 3/2007 de prevención de incendios, os titulares de parcelas e terreos situados en chan urbano, urbanizable ou núcleo rural. Inclúense tamén dentro desa limpeza de maleza os terreos situados nunha franxa perimetral de 50 metros e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte. Nos núcleos e nas franxas tampouco poderá haber determinadas especies, como piñeiros, acacias, eucaliptos, toxos ou retamas.

A maioría dos concellos das dúas comarcas puxeron bandos, enviaron cartas e hoxe, a piques de cumprirse dous meses desde o vencemento do prazo, moitos alcaldes recoñecen que queda moito por facer. Algún, mesmo, sinala que «menos mal que este ano, de momento, chove».

Pero como estas cousas non se poden deixar só a expensas do ceo, os representantes municipais emprenderon nova rolda de comunicacións e expedientes a aqueles que aínda non cumpriron co que lles esixe a normativa. Por agora, todos os consultados da zona, apuntan que aínda non cursaron denuncias que poden derivar en sancións.

Na zona aínda hai amplas zonas de terreo que continúan sen limpar. Os concellos empezaron a emitir requirimentos, con máis ou menos sorte, e tamén empezaron a recibir alegacións a elas. Hai tamén quen denuncia aos lindeiros de que incumpren a lei. Nestes casos o procedemento pasa por verificar a denuncia in situ visitando a leira, para logo mirar o mapa catastral para saber o nome do propietario. Precisamente ese labor non é doado e a cousa complícase moito máis cando son varios ou, o que é peor, son propiedades que aínda están a nome de antepasados xa falecidos.

A ese labor de vixilancia dos concellos, que tenden a ser máis comprensivos e máis flexibles cos seus veciños, súmase a que levan a cabo policías autonómicos, persoal de Urbanismo ou de Medio Ambiente dedicado case en exclusiva a ese labor.

En Agolada, o alcalde explica que lles consta que a Policía Autonómica andou realizando ese labor hai pouco por esta zona e que «algo cazaron», apunta o rexedor. Rodeiro vai empezar unha remesa de novas comunicacións e en Silleda, o alcalde apunta que abriron varios expedientes e os veciños van cumprindo. A choiva contribúe a frear, de momento, os incendios, pero unido a unhas temperaturas xa propias desta estación fan tamén que a maleza prolifere como nunca. Unha guerra contra a que están inmersos todos os concellos.

Na Estrada, Juan Constenla, explica que «temos cinco destrozadoras traballando nas pistas» e non se dá feito. Unha situación á que se enfrontan tamén o resto dos concellos e o que máis e o que menos non dá abasto a estes labores de limpeza. Lalín ten tamén en marcha un plan de rozas, do mesmo xeito que outros concellos.

Denuncia de 32 plantacións de eucaliptos na Rede Natura

O que si lles consta no Concello de Agolada, son as 32 denuncias realizadas pola integrante dun grupo ecoloxista por outras tantas plantacións de eucaliptos en terreos da Rede Natura, unha zona protexida onde non teñen lugar as plantacións desta especie. O alcalde, Ramiro Varela, explica que a Xunta lles notificou a existencia destas e demandoulles información sobre as leiras, xa que na denuncia figura soamente a xeolocalización das mesmas coas coordenadas de GPS. Lembra que o Concello xa detectara algunhas e advertido aos veciños, ás veces, sen demasiado éxito.