A operación Qátedra suma xa 31 detidos e 7 investigados por fraude en Deza

LALÍN

Cedida

A Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín xa fiscalizou 714 empresas tras detectarse irregularidades en cursos de formación subvencionados e que non se realizaron

20 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres anos despois a denominada operación Qátedra, tras unha denuncia da Axencia Tributaria pola organización de cursos pantasma de formación en Deza, segue aberta cun montante económico defraudado que suma por agora 661.000 euros. Esta semana a Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín comunicaba a sete empresarios máis a súa condición de investigados neste caso. Do mesmo xeito que ás outras 31 persoas detidas polo momento atribúenselles presuntos delitos de fraude e exacciones ilegais, falsificación de documento público e mercantil, estafa e pertenza a grupo criminal.

As investigacións comezaron en marzo do 2015 tras detectarse nunha inspección por parte da Axencia Tributaria que a consultoría Prosem de Lalín podería ter cometido irregularidades en curso subvencionados pola Xunta e a Unión Europea, por cobrarse axúdalas pero sen desenvolverse as accións formativas. Xa en agosto dese ano chegaban as primeiras detencións, dos dous socios desta firma sospeitosa de fraude e dunha empregada. Despois fóronse sumando de forma paulatina numerosos empresarios á lista, ata un total xa de 28, principalmente de Deza aínda que tamén doutros puntos de Galicia como Santa Comba. Entre eles o rexedor de Dozón e o seu fillo, tenente de alcalde neste municipio.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín, que leva o caso, chegou a declarar a investigación como complexa, a petición da Fiscalía, para ampliar os prazos antes de pechala dado o volume de traballo. A Policía Xudicial leva fiscalizadas 714 empresas galegas, vinculadas a distintos sectores produtivos. Ademais revisáronse máis de 2.000 cursos, así como ao alumnado asistente.

Nesta investigación xa se superou o medio centenar de traballadores das empresas supostamente implicadas na fraude aos que se tomou declaración. Polo momento a Garda Civil constatou a existencia de irregularidades en máis dunha trintena de cursos formativos e nunha vintena de empresas.

Cos sete novos investigados, todos eles de Deza e con cargos de responsabilidade en firmas presuntamente relacionadas coa fraude, abríase esta semana a segunda fase desta operación. Deberán comparecer no Xulgado cando llas cite polos mesmos delitos que os 31 detidos. E o caso segue aberto.