O PP pide a comparecencia de Cuíña para explicar investimentos en saneamentos e abastecementos

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

22 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O PP de Lalín acaba de solicitar a comparecencia do alcalde, Rafael Cuíña, para que relate a cantidade de investimentos en saneamentos e abastecementos que se acometeron, e onde se realizaron, desde que tomou posesión da alcaldía fai tres anos. Expoñen que o actual mandato «significou para o rural lalinense unha involución en investimentos de todo tipo e, con isto, unha freada na dotación de servizos aos máis de 300 lugares que conforman o medio cento de parroquias do municipio».

Aseguran que nos tres anos de xestión do actual goberno, tras anos en que saneamentos e abastecementos foron prioridade indiscutible de anteriores gobernos locais, só se acometeron «moi pequenas obras hidráulicas de reparación e un proxecto estrela como a construción da depuradora de Zobra». Pero cuestiona o popular Antonio Rodríguez que foi un investimento sen criterio, «sen contemplar a parte máis importante, que é a rede de conexión ás vivendas, que tardará aínda meses en dar servizo, que se atopa abandonada e con visibles danos e que xerará problemas, pola deixadez do goberno, cando se queira poñer en servizo».

O PP atribúese que, tras un par de anos de mocións da oposición desatendidas, o goberno decida pór en marcha pequenas investimentos hidráulicos para a rede de saneamento de Zobra, outro en Vilar do Río con meses de atraso, e traídas como a ampliación da rede en Goiás. Proxectos que consideran «escasos investimentos electoralistas que para nada compensan a inacción de tres anos nos que non se fixo nada» neste ámbito, conclúen.