Unha delegación lalinense visita en León unha planta de reciclaxe de pneumáticos e outros materiais

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

15 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha pequena delegación lalinense, integrada polo tenente de alcalde e tres veciños de Soutolongo e Doade, visitou a planta de reciclaxe e outros materiais que RDM ten a poucos quilómetros de León, para coñecer de primeira man a actividade da entidade, a mesma que a empresa Racso pretende instalar en Botos. A firma visitada recicla ademais de pneumáticos tamén aluminios e cableado, polo que acada dimensións moito maiores que o proxecto que pretende instalarse en Lalín, indican desde o Concello.

Engaden tamén fontes municipais que o percorrido permitiu coñecer todo o proceso de reciclaxe de rodas nas súas diferentes fases, desde a chegada e selección ata a súa conversión en material reutilizable para campos de fútbol ou parques infantís: «Comprobouse que a planta non emite ningún tipo de fume, non queima nada e non existe ningún tipo de emisións ao exterior de fume nin ningún tipo de partícula, senón que existe unha trituración mecánica e uns potentes sistemas de extracción mediante aspiración centralizada que recollen calquera tipo de partícula que poida xerarse debido á trituración e separación dúas materiais». O Concello, para ofrecer a máxima información sobre o proxecto de Racso, organizará o martes unha nova visita con veciños de Botos. O proxecto está a disposición de quen queira consultalo, e o Concello di que vixiará que se cumpran todas as garantías.