«Dificilmente entenderíase hoxe a oferta en actividade física sen o Area»

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Destaca o seu uso por persoas maiores que nunca fixeran deporte, nun complexo que «é un luxo para un pobo»

18 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Jesús Rodríguez Domínguez é desde hai dúas semanas exgerente do Lalín Area, unha instalación á que se incorporou o 2 de xaneiro do 2014.

-Cantos socios tiña o complexo á súa chegada e actualmente?

-Cando cheguei eu coincidía o momento en que se acaba de fusionar a piscina co Lalín Area. Non había un número moi claro de abonados, pero estaba ao redor dos 700 socios. Hai un mes a instalación chegou ao seu momento de maior esplendor, ao redor dos 2.200: é a suma de abonados con cota mensual e con bono de consumo. É o mellor momento e entendo que esprememos ao máximo a instalación, poucos máis socios pode albergar. É case un 20 % de poboación de Lalín, cando adoitan chegar a un 7 %. O difícil e o reto agora será manter esas cantidades, porque ademais en Lalín hai unha boa oferta privada.

-Sector privado desde o que se chegou a falar de competencia desleal do Area.

-Eu entendo que o multiusos no seu inicio para o sector privado era o demo, pero eu non diría que é competencia desleal, aínda que entendo que sentisen temor a que afectase os seus negocios. Con todo creo que foi todo o contrario, que conseguimos entre todos ?porque eles tamén sobreviviron e especializáronse en actividades máis concretas? aumentar a poboación que fai actividade física e deporte. Todo o mundo mantivo o seu nivel de usuarios, pese ao incremento do Area. E veu ben a instalación pública á cidadanía para regular as tarifas, para que se asentasen e mesmo baixasen.

-Cal foi a clave para o bum de abonados do Area?

-Conseguimos confeccionar un equipo de moi bos profesionais con moita implicación, porque ademais son poucos para os horarios e oferta do Area. E ter un servizo variado e de calidade, a un prezo moi accesible a todo o mundo. Son cotas populares, quen non vai ao Area é porque non quere ir: hai bonos de parado, xuvenil, podes pagar mensual, anual, por consumo. Adaptouse a todas as esixencias da cidadanía, como instalación pública que é.

-A instalación tivo críticas polos seus problemas estruturais, como está agora?

-É unha instalación moi grande, e a súa finalización era mellorable. Hai algún problema de filtracións ?sobre todo na zona da sala vermella e o spa? e demais, tampouco nada do outro mundo. Son problemas que hai que intentar afrontar, non queda outra, porque a obra está fóra de garantía. Son problemas que se a instalación se construíse cun pouco máis de delicadeza non tiñan que ter existido, pero están aí e agora non gañamos nada sacándoos á luz todos os días. Hai que convivir con eles e intentar solucionalos na medida do posible.

-Sen paixón de exgerente, fóra desas cuestións, é tan bo o multiusos como vostede adoita comentar?

-Polo demais, é unha instalación magnífica, é un luxo para un pobo. Hai cidades que non teñen unha instalación como esta: Ourense, Pontevedra e Santiago tampouco porque non ten auga ?zona de relax e spa? e seco. O Area é unha instalación propia dunha gran cidade. Era necesario facelo? Unha vez feito hai que intentar sacarlle o máximo rendemento e pólo ao servizo da cidadanía, para que o goce: hai moitas persoas da terceira idade que na vida fixeran actividade física, e nas clases de aquagym e cursos de actividade física para maiores están alí. E iso é calidade de vida, é saúde. Dificilmente poderíase entender hoxe a oferta en actividade física de Lalín sen o Area. Conseguimos iso, e diso tratábase: facelo extensible ao maior número de xente posible e con actividades adaptadas para todos.

-Que destaca na súa xestión?

-Poder facer todo o que conseguimos coas trabas que ten o facelo dependendo directamente dunha administración, porque che ata, non che deixa autonomía para poder xestionar, porque todos os procesos teñen que seguir uns protocolos por lei. E non foi mérito meu, senón dos 14 que están alí, e outros que estiveron e xa non están. Eu intentei aplicar sentido común.

-E que lle faltou por facer?

-Talvez acabar de implantar un plan para fidelizar máis ao usuario desta instalación. Terá que facelo o que veña.