Alumnos do Laxeiro en Turquía

LALÍN

Cedida

17 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha delegación do IES Laxeiro de Lalín participa nunha reunión na cidade turca de Tekirdag, enmarcada dentro do proxecto Erasmus+ Tunnel of Time. O grupo intégrano cinco alumnos de terceiro da ESO que viaxaron acompañados dos profesores Mar García e Xosé M. García. O grupo viaxou o pasado día 11 a esta cidade costeira situada a beiras do mar de Mármara, a uns 120 quilómetros ao oeste de Istambul. Á delegación galega sumáronse as de Francia e Finlandia, participantes tamén neste proxecto de intercambio.

As actividades desenvolvéronse na Sehit Mehmet Sengül Ortaokulu, a escola anfitrioa. Os estudantes do Laxeiro foron acollidos por familias locais. Os profesores explican que está sendo unha experiencia moi enriquecedora porque deste xeito teñen a oportunidade de coñecer desde dentro a cultura e a vida diaria das familias de Tekirdag. Ao mesmo tempo aproveitaron para ver e coñecer a antiga Constantinopla, a actual Istambul. Mañá teñen previsto estar xa de volta en clase en Lalín. No centro de ensino turco, os estudantes expuxeron os traballos realizados ao longo deste primeiro período do curso e no que se abordaron temas relativos a cuestións de xénero e habilidades para a vida vistas a través de diferentes grupos de idades. Neste caso os do Laxeiro contaron coa colaboración dos alumnos de Infantil do Rivero e os maiores da residencia das Dores.