Queixas polo atraso nos bonos de transporte de Lalín, que Casares agarda resolver xa

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Álvaro Ballesteros

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O atraso no funcionamento das axudas ao transporte universitario en Lalín están a xerar críticas entre os posibles usuarios, que lembran que a pesar das semanas transcorridas desde o inicio do curso en setembro aínda non poden ser empregados multiplicando o custo dos desprazamentos ás cidades universitarias. Contrapoñen a situación á vivida en cursos anteriores, coas axudas dispoñibles desde principios de setembro. Engaden que o Concello non concretan as datas en que se poderán empezar a utilizar.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, admitía onte a existencia do atraso na posta en servizo dos bonos este curso. E subliña o cambio no sistema de concesión das axudas: mentres antes se concedía ao pouco de solicitarse, agora todos os demandantes deben presentar a documentación requirida para outorgar os bonos a partir da valoración de todas as solicitudes. Indica que houbo atrasos nas matrículas universitarias, que retardaron á súa vez a entrega de toda a documentación ante o Concello. No entanto, espera que se resolva nestes días, e lembra que A Estrada tamén acaba de abrir o seu prazo por estas axudas. Ademais, o pasado ano o goberno de Lalín axilizou a concesión dos bonos, e topouse logo con algún reparo suspensivo de Intervención.