Forcarei acolle a rodaxe dunha película para Netflix

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

cedida

28 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A produtora audiovisual Vaca Films elixiu a ermida de San Amaro, en Seoane, na parroquia de Meavía (Forcarei), como escenario para a rodaxe dalgunhas escenas da súa próxima película. A cinta, titulada Infiesto, estrearase en Netflix, a plataforma de streaming con maior implantación do mundo. Entre o elenco de actores que darán vida á historia están Isak Férriz (Baixo cero), Iria do Río (Antidisturbios) e Luis Zahera (Vivir sen permiso). Actuarán baixo a dirección de Patxi Amezcua (Sétimo ou 25 kilates). A trama desenvólvese durante a etapa do primeiro estado de alarma ditado polo covid-19.

A rodaxe na capela de San Amaro, en pleno Camiño Miñoto Ribeiro, está previsto para os días 1, 2 e 3 de decembro. Representantes da produtora e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, reuníronse estes días para ultimar os detalles organizativos. A compaña comunicou en agosto o seu interese por esta localización e o Concello ofreceu toda a súa colaboración para que a iniciativa puidese concretarse. Tras varios meses de conversacións, a produtora conta con todos os permisos e contratou persoal da contorna para xestionar os cortes de tráfico e a vixilancia durante a rodaxe.