Forcarei, con 25 casos, rexistra a maior incidencia da zona

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

E CUIÑA

Dozón, Rodeiro e Vila de Cruces son os únicos concellos sen rexistrar casos

21 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Forcarei, cunha incidencia acumulada a 14 días de 726 por cada cen mil habitantes, é o que rexistra a maior cifra non só das dúas comarcas senón tamén, nestes momentos, da área sanitaria pontevedresa. O Sergas cifraba onte en 27 o número de novos casos diagnosticados nos últimos 14 días e en 18 os positivos detectados na última semana. A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, indicaba onte que os contaxiados estaban vacinados e que tiñan síntomas moi leves ou eran asintomáticos. Onte o número de positivos era de 25. A incidencia acumulada cifrábase onte, por parte da Xunta, por amais de 250 a 7 días por cada cen mil habitantes. Agárdase que o cribado, que continuará hoxe, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas axude a frear a cadea de contagios.

Dozón, Rodeiro e Vila de Cruces continúan sen casos nos últimos 15 días. Na Estrada, segundo o mapa do Sergas, a incidencia acumulada a 7 días fixábase entre 25 e 75 e entre 25 a 50, a 14 días. En Lalín era un pouco máis baixa, de entre 10 e 25 a 7 días por cada cen mil habitantes e de 25 a 50 a 14 días. En ambos os casos fixábase entre 1 e 9 os novos casos diagnosticados tanto a 7 como a 14 días. En Silleda, detectáronse 11 positivos na última semana cunha incidencia acumulada de entre 75 e 125 a 7 días e entre 50 e 150 a 14 días. En Cerdedo-Cotobade fíxase tamén entre 1 e 9 os casos diagnosticados e unha incidencia acumulada entre 25 e 75 a 7 días e entre 50 e 150 a 14 días. En Agolada, aínda que no mapa do Sergas constan entre 1 e 9 casos, o venres tiñan un só caso. A incidencia acumulada por cada cen mil habitantes é de entre 25 a 75 a 7 días e de 25 a 50, a 14 días.

En canto á vacinación, o 90,81 % dos lalinenses recibiron xa a pauta completa, o mesmo que o 90,32 % dos silledenses, o 92,86 % dos forcaricenses, o 91,83 % dos veciños de Cerdedo-Cotobade e o 93,27 % dos estradenses. Na mesma situación están o 93,57 % dos veciños de Rodeiro, o 94,69 % dos de Agolada e o 93,37 % dos de Vila de Cruces. Teñen unha dose da vacina o 93,99 dos cidadáns da Estrada, o 92,71 % dos de Cerdedo-Cotobade, o 93,36 % dos de Forcarei, o 91,58 % dos de Lalín, o 94,11 % dos de Cruces, o 91,26 % dos de Silleda e o 96,03 % dos de Dozón. A estes súmanse o 94,32 % dos veciños de Rodeiro e o 95,83 % dos de Agolada.