Un terzo de concellos da zona segue sen actualizar o orzamento

Javier Benito
javier benito LALÍN, A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

miguel souto

Lalín, A Estrada, Silleda, Agolada, Dozón e Cerdedo-Cotobade teñen as contas municipais ao día, mentres se prorrogaron en Vila de Cruces, Rodeiro e Forcarei

24 jul 2021 . Actualizado ás 22:57 h.

O orzamento é o documento económico, contable e financeiro máis importante polo que se rexe un concello. Reflexa, nun principio, unha estimación de ingresos e gastos ao longo dun exercicio e o que destina un equipo de goberno a investimentos en obras, ao mantemento de infraestruturas e servizos e ao pagamento de soldos dos funcionarios e traballadores municipais. E tamén, os seus principais fontes de financiamento.

O orzamento debería tamén reflectir a realidade económica e social dun municipio, de aí, a importancia de que se traballe cun documento actualizado. E máis nun contexto tan complicado como o actual, no que a pandemia provocada polo covid- 19 todo o acapara e, por desgraza, todo o absorbe . En Deza e Tabeirós-Terra de Montes aínda hai concellos que seguen sen ter as súas contas aprobadas para o 2021 en pleno verán e, ademais, sen visos de que vaian facelo. Resta un terzo de concellos por sacar adiante as contas, pero óptase por prorrogar a de exercicios anteriores.

Lalín, A Estrada, Silleda, Agolada, Dozón e Cerdedo-Cotobade contan con orzamento aprobado para o 2021, mentres que funcionan con prórrogas en Vila de Cruces, Rodeiro e Forcarei. O máis madrugador en dar luz verde ao capítulo de ingresos e gastos para este ano foi o Concello estradense, cuxa corporación daba luz verde a eses números o 12 de novembro do 2020. Supuña contar con orzamento «novo», tras prorrogar no 2020 o anterior debido á pandemia. A Estrada xestiona 13,7 millóns de euros no exercicio actual.

Tomaba a testemuña estradense a corporación de Lalín, que poucos días despois, o 20 de novembro, referendaba un orzamento para o 2021 de 19,4 millóns de euros, o máis alto da súa historia e cun capítulo marca para investimentos. Tamén o seu caso habíase prorrogado o pasado ano o do 2019, o primeiro elaborado polo PP no actual mandato. Dozón, pola súa banda, referendaba unhas contas de 1,3 millóns de euros para este ano, co 37 % dos gastos dedicados a investimentos. Aprobouse o 23 de novembro, o terceiro e último antes de arrincar o ano actual.

O Concello de Silleda, pola súa banda, daba luz verde o día 4 de febreiro a un orzamento de 8,4 millóns de euros, que supón un incremento do 22 % respecto ao anterior. A corporación de Agolada aprobaba 2,8 millóns en sesión plenaria o 30 de marzo, mentres que Cerdedo-Cotobade o facía en maio, con 4 millóns de euros.

Mancomunidade e GDR si que teñen números «novos»

Os outros organismos con representación dos concellos da zona si que teñen orzamento aprobado para este ano. O 18 de decembro fixábanse as contas da Mancomunidade Terras de Deza, con 133.202 euros a xestionar durante o 2021. Saían adiante co voto de de o PP e Xuntos polo noso Concello, mentres se situaban en contra os representantes do BNG e CxL, absténdose os socialistas. Hai poucos días, o 8 de xullo, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte referendaba o orzamento do 2021.

En Camba, a golpe de modificacións de crédito para xestionar as cifras aprobadas en 2017

Entre os tres concellos que viven con orzamentos prorrogados o caso máis paradigmático atopámolo en Rodeiro. As últimas contas aprobadas en pleno corresponden ás do 2017, que se referendaron pola corporación ese mesmo ano, nunha sesión celebrada o 28 de novembro. Quedaba fixado un orzamento de 2,5 millóns de euros, co que tiveron que xestionar o devir dos gastos e ingresos durante máis de tres anos e medio. As modificacións de crédito e axustarse a partidas fixadas, sen moita marxe para cambiar, convertéronse no mecanismo para o funcionamento diario do Concello. Todo iso con críticas periódicas da oposición por non levar a debate plenario un novo orzamento pese ao tempo transcorrido, ademais de incidir en que se puideron perder subvencións por carecer das contas ao día.

Aínda que houbo intentos de achegamento entre Xuntos polo noso Concello e PP, BNG e PSOE, a principios de xullo o goberno local de Vila de Cruces anunciaba que non levaría a debate plenario unha proposta de orzamento para o 2021, optando por prorrogar o do 2019 xa que o pasado ano coa pandemia tampouco houbo contas novas. Cargaban desde Xuntos contra a actitude da oposición, que á súa vez lle achacou falta de concreción en proxectos e cambios de rumbo ao redor da contía que se lles ofrecía a decidir en canto ao seu destino.

Tampouco Forcarei terá contas actualizadas para o 2021, xestionando o día a día coas do 2019, tras fracasar no seu momento o intento de aprobalas para o 2020, ao situarse en contra do PSOE tanto PP como BNG-Foro Forcarei.