Cerdedo estrea ruta circular e Forcarei incuba dous proxectos

r. g. A Estrada

FORCAREI

cedida

11 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres novas iniciativas invitan a pórse en movemento na comarca de Terra de Montes.

En Forcarei o Concello proxectou a creación dunha nova senda peonil de medio quilómetro de lonxitude entre o mosteiro de Aciveiro, o núcleo do Forno e as primeiras vivendas do Cotiño. Para a redacción do proxecto técnico acaba de solicitarse unha subvención á Deputación, unha axuda que pode chegar a cubrir o 90 % do custo do traballo. A zona de actuación, na área de protección ambiental da Serra do Candán, é unha contorna natural privilexiada, co incalculable valor engadido que proporciona o mosteiro. Actualmente hai dous carreiros con orixe no complexo monacal, a Ruta dás Pontes do Lérez e outro circular denominado Sendeiro Natural Aciveiro-Candán.

Os núcleos do Forno e O Cotiño conectan co mosteiro a través dunha estrada municipal moi estreita, con dobre sentido de circulación, que carece dun espazo reservado para o tránsito peonil. O Concello prevé crear unha senda paralela a esta estrada, cunha lonxitude de 510 metros e un ancho de 2,5.

Tamén en Forcarei, o BNG-Foro Forcarei acaba de presentar unha moción para que o Concello firme un convenio coa comunidade de montes de San Miguel de Presqueiras para a creación dunha ruta de sendeirismo circular no río de Carballás. Requiriría unha roza dunha senda ao longo de tres quilómetros e uniría a aldea de San Miguel co río Carballás e leste coa aldea de Morgade. Colocaríanse ademais pasarelas, escaleiras e bancos de madeira, para facilitar a accesibilidade aos pozos de Tres Deamos e Cervo. A ruta indicaríase desde a estrada EP-7104. O custo mínimo estimado sería de 15.000 euros. O BNG propón que se inclúa no orzamento deste ano.

En Cerdedo

Por outra banda, en Cerdedo acaba de pórse en marcha un Roteiro Saudable que ten como punto de partida e de chegada a Praza do Concello. Propón un percorrido circular de 5,5 quilómetros e discorre por frondosos bosques do val do Lérez. A ruta, que acaba de ser sinalizada, descobre belas vistas do río Lérez e é de dificultade baixa. A duración aproximada é de 45 ou 50 minutos. As características da ruta están definidas no panel informativo colocado ao comezo.