O IES cruceño pediu un cribado e os centros chegan a 72 casos

La Voz

FORCAREI

MARCOS MÍGUEZ

Confinado o equipo directivo do Pérez Viondi

22 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os contagios continúan subindo nos centros educativos como un reflexo directo do que pasa nos diferentes concellos. Onte a Xunta cifraba o número en 69 casos activos, aos que se suman tres máis que aínda non figuraban nesa lista. Entre os novos figuraba un na escola infantil de Forcarei, onde se contabilizan ademais dúas no colexio de Soutelo, tres no de Forcarei e un no Chano Piñeiro que fan sete. A estes engádense 17 en Silleda. Un na gardería que xa non ten ningunha aula pechada xunto con cinco no colexio de Silleda cunha aula pechada, non no de Bandeira, cinco no María Inmaculada e seis no IES Pintor Colmeiro que fan un total de 18.

En Lalín son 17: dous no colexio Manuel Rivero, tres no Golmar, seis no IES Laxeiro e outros tantos no Aller Ulloa, mentres que A Estrada engade 15. Son un no Cabada Vázquez, un no Figueiroa, un no Foxo, un no Villar Paramá, dous no Lourdes, un no García Barros, tres no número 1 e cinco no Antón Losada. A estes súmanse, fóra desa lista de Educación, dúas máis no colexio Pérez Viondi. Un dunha das integrantes da directiva, que provocou o confinamento de todo o equipo, e outro o dun alumno de catro anos que xa non acudira ao centro desde o venres pasado, polo que non foi preciso illar a ningún compañeiro. O colexio de Agolada continúa tendo tres positivos e segue saíndo un no colexio de Rodeiro.

Onte no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces detectábase un caso máis que aínda non saía na lista de Educación co que serian xa oito. O centro solicitou a realización dun cribado para todos pero tras un estudo por parte de sanidade unha vez feita a petición, leste incluiría ao persoal docente e laboral e os estudantes de ESO, BAC e FP Básica, xa que en ciclos non hai ningún afectado. Os positivos son irmáns de familias con máis membros afectados polo covid-19. O Sergas chamou onte pola mañá ao centro pedindo xa os datos de cada persoa para o cribado e o IES avisou aos pais. Tras outros contactos co Sergas, a última hora da tarde o cribado non estaba aínda confirmado. O centro pediuno ante a incidencia de casos e porque entre os positivos os hai practicamente asintomáticos.