Promoven unha asociación de afectados os parques eólicos a construír en Forcarei

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

CARMELA QUEIJEIRO

05 jul 2020 . Actualizado ás 19:46 h.

O centro social de Forcarei acolleu onte unha reunión de representantes de comunidades de montes en man común e particulares afectados por tres futuros parques eólicos neste municipio, que tamén afectan a outros próximos como Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Silleda e Beariz. Nese encontro estiveron representantes de cinco comunidades e acordouse constituír unha asociación para defender os seus dereitos, ademais de mostrar a súa oposición a estes proxectos.

Dos tres parques eólicos, atópase xa na fase de exposición pública o de Castrelo, mentres está en tramitación o de Meavía e Pereira, co de Pardesoa algo máis atrasado. Todos eles están a ser promovidos pola empresa Greenalia. Entre outros argumentos para rexeitar eses futuros aeroxeradores aludiuse onte ao impacto sobre a riqueza patrimonial, por exemplo ás mámoas de Castrelo. Tamén a escasa compensación económica por estas instalacións, fixada para os propietarios e para o Concello tan só no 0,5 % dos beneficios. A futura liña de alta tensión tamén preocupa pola súa proximidade a núcleos habitados.

Desde o BNG, promotor da reunión, mostraron o seu apoio e colaboración á futura asociación. Ademais, animaron ao Concello de Forcarei a pórse tamén de lado dos afectados para defender os seus intereses.