ABCR Laboratorios ampliará instalacións en Forcarei

r. r. A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

Cedida

A empresa construirá un anexo en terreos propios e o Concello prevé o seu encaixe sen problemas no PXOM

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A empresa ABCR Laboratorios ampliará as súas instalacións no polígono forcaricense de Vilapouca coa construción dun anexo destinado a almacén descarga de materias primas, que contará cunha fachada totalmente aberta para facilitar o acceso de vehículos pesados. O Concello de Forcarei anticipou á firma unha tramitación áxil para a realización desta ampliación.

O director de ABCR Labs, Benigno Arén, mantivo unha reunión coa alcaldesa, Verónica Pichel, e o arquitecto municipal, José Luis Sanmiguel. Un encontro no que lles expuxo o proxecto que a firma quere levar a cabo de forma inminente.

O terreo onde levará a cabo a obra é xa propiedade da compaña, especializada en derivados do silicio e que se instalou en Forcarei hai unha década,. A execución do proxecto supón un investimento superior ao medio millón de euros e será, apuntan desde o Concello, o primeiro paso dun ambiciosos plan de crecemento que levará consigo a construción dunha nova edificación independente da actual en Vilapouca e dunha importante creación de postos de traballo. Hai uns días á reunión celebrada no Concello asistiron ademais do empresario, a alcaldesa e o arquitecto, os técnicos redactores do proxecto, ademais doutros directivos dela compaña, e o concelleiro José Manuel Álvarez.

Respecto das obras, o Concello entende que a iniciativa «ten completo encaixe nas directrices do Plan Xeral de Ordenación Municipal e na normativa específica do parque empresarial» e que «non debería sufrir ningún tipo de atranco».