A Festa do Gaiteiro recupera o seu pulso e reúne a máis de 600 persoas na comida popular

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

miguel souto

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar da coincidencia co primeiro día das festas das Dores en Forcarei, a Festa do Gaiteiro de Soutelo recuperou onte o seu pulso e conseguiu arrastrar á comida popular a «entre 600 e 700 persoas», segundo a organización.

Os actos arrincaron coa actuación do grupo Celme e o pregón da profesora de lingua galega e escritora Carme Hermida. Hermida lembrou a súa infancia en Portela de Lamas e os recunchos que frecuentaba naquelas concorridas feiras da súa nenez nas que seguro que coincidiu, sen sabelo, con Avelino Cachafeiro.

A cuadraxésima edición da festa conmemoraba o medio século da publicación de Avelino Voando cas aas dá vida. E a ela fixo referencia constante a pregoeira. Recitou poemas dedicados a Soutelo, a Asorey, a Rosalía ou a Castelao e aquel en o que Avelino reivindicaba unha difícil conexión de Cristóbal Colón con Forcarei a través do Lérez e a Ría de Pontevedra.

Un pregón poético-musical

O pregón culminou co recitado de Testamento , un colofón poético-musical no que os versos de Avelino se fundiron cun movemento da Muiñeira de Chantada interpretada pola Banda de Gaitas de Forcarei e coa Alborada de Rosalía de Castro a cargo de Rubén Troitiño.

Tras os discursos e a ofrenda floral ante o Monumento aos Gaiteiros tivo lugar o concorrido xantar popular.

Despois, a música seguiu ata a noite coa actuación de Oraladadou, Os Abrentes de Cerdedo, un serán aberto e a homenaxe a Avelino Alberte protagonizado polos Acordeonistas de Celanova e os Diplomáticos do Acordeón, que volveron reunirse para a ocasión.