Usuarios do SAF de Forcarei pasan de pagar 90 euros a 240 co cambio aplicado desde hoxe

La Voz

FORCAREI

cedida

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os usuarios do Servizo de Axuda non Fogar de Forcarei (SAF) recibiron unha comunicación da Xunta na que se lles indica que se revisaron de oficio os Programas Individualizados de Atención (PIA) dos dependentes para cambiar oficialmente a prestación do SAF polo sistema de libranza. Con el, os usuarios reciben unha axuda da Xunta para facer fronte ao pagamento dos servizos, que han de ser contratados de forma privada. A portavoz da plataforma de afectados pola suspensión do SAF indica que estas comunicacións han causando malestar nos receptores. Segundo aseguran, ningún usuario solicitou o cambio de PIA, que é consecuencia da suspensión do servizo decidida polo Concello tras a quebra da empresa adxudicataria do SAF e os problemas para atopar substitución. Segundo aseguran desde a plataforma, os cálculos do incremento de prezo que terán que asumir os usuarios co cambio de sistema son na maioría dos casos superiores aos que lles transmitiu o Concello nas reunións informativas previas.

Nalgún caso, os usuarios pasan de pagar 90 euros a 240 porque a Xunta só lles financia 329 euros das 45 horas concedidas.

Ademais, desde a plataforma din que descoñecen a situación na que quedan as persoas que teñen pendente o recoñecemento da dependencia e polo tanto a prestación do servizo e os dependentes que por motivos de saúde poidan necesitar agora máis horas de servizo.

Ademais da comunicación da Xunta, os usuarios recibiron unha chamada telefónica do Concello na que se lles comunica que o SAF deixa de prestarse desde hoxe mesmo. No entanto, as 14 traballadoras afectadas polo ERE de extinción da concesionaria do SAF aínda seguen contratadas e decididas a seguir nos seus postos. A plataforma estuda saídas legais á situación.