Juan Campos aspira a repetir título no nacional de resistencia

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

Cedida

19 mares 2019 . Actualizado ás 20:21 h.

O piloto da Escuadra de Cerdedo, Juan Campos, pechou xa a súa programación para o 2019 onde defende título no Campionato de España de Resistencia. Nas instalacións de Javi Motor no polígono de Vilapouca, en Forcarei, presentábase onte o equipo para esta tempada ante un nutrido grupo de afeccionados. As probas do nacional correranse este ano nos circuítos de Cheste, Xarama, Motorland, Navarra e Montmeló. En todas elas haberá dúas carreiras dunha hora de duración cada unha, excepto en Montmeló, onde será unha única carreira de dúas horas.

Campos correrá cun Renault Clío III Cup de 210 cabalos de potencia e 1.000 quilos de peso, con caixa de cambios secuencial de seis marchas de última xeración. Xa realizou varios test, moi positivos. Debutará a primeira fin de semana de abril no circuíto dos Arcos en Navarra. Destacou que os seus rivais serán sobre todo os pilotos de Mini e Ford. Lamentou que Galicia non conte con circuíto de velocidade, que multiplicaría a participación de pilotos galegos nesta especialidade, onde está só el.