As traballadoras do SAF de Forcarei van á folga o vindeiro martes

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

16 feb 2019 . Actualizado ás 21:17 h.

As traballadores do Servizo Axuda no Fogar de de Forcarei anunciaron que van á folga o vindeiro martes, día 19, para defender o servizo público e os seus postos de traballo reclamando que «se nos pague conforme a lei, sen que nos rouben parte dos nosos salarios e sen recortes na calidade do servizo».

Quéixanse de que desde fai seis anos as empresas que asumiron este servizo «deixaron grandes débedas coa Seguridade Social e impagos nos salarios das traballadores». Consideran que «a falta de control do servizo por parte do Concello fixo que esta débeda medrara e agora estea nos xulgados».

Lembran que a última empresa que levou o SAF entrou en concurso de acredores , que o Xulgado decretou o seu peche. Creen que toda esta situación pode deixar a Forcarei sen cobertura do SAF «porque o Concello non quere asumir a súa parte de culpa por prorrogar automaticamente o contrato con Serinter en agosto, cando a empresa xa estaba morta legalmente».

Pola súa banda, Foro Forcarei esixe unha resposta do Concello ante o anuncio de folga realizado polas traballadores do SAF. Piden que se sente a dialogar e a negociar con todos os axentes implicados e que busque unha saída que asegure a continuidade do servizo.

Agradecen ás traballadoras que seguisen mantendo este servizo a pesar de que chegaron a acumular, din, cinco meses sen cobrar. Creen que o Concello ten que asumir a súa parte de culpa neste conflito opinando que «esta non é unha situación que teña herdado senón derivada da súa falta de control».