Cachafeiro repite como candidata do PP coa meta de revalidar a súa maioría

La Voz

FORCAREI

cedida

30 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A alcaldesa de Forcarei e presidenta do PP local, Belén Cachafeiro, repetirá como cabeza de lista da candidatura popular para as eleccións de maio. Nunha reunión extraordinaria celebrada a noite do venres o comité executivo local do partido aprobou «por aclamación» a súa candidatura. A directiva local valorou a súa «gran xestión ao fronte do Concello nos últimos case sete anos, o seu elevado grao de coñecemento entre a veciñanza e empatía coa sociedade e a fortaleza electoral do PP baixo o seu liderato». Por iso decidiu «de xeito unánime» que sexa de novo candidata. Cachafeiro e o comité executivo local comezarán agora a conformar «unha candidatura plural que represente a todas as sensibilidades tanto do partido como da sociedade de Forcarei» e a definir un programa «con propostas de continuidade».

Belén Cachafeiro Anta (Forcarei, 1968) é empresaria do sector servizos e reside en Forcarei. Preside desde o ano 1994 a Asociación de Mulleres de Forcarei (Amfor). Fai case vinte anos que se incorporou á vida política. En 1999 foi na lista do PP ás municipais e, tras asumir o cargo de edil por primeira vez, encargouse durante as seguintes lexislaturas da área de Servizos Sociais. En febreiro do 2012, tras o falecemento do alcalde, David Raposeiras, tomou posesión como alcaldesa. Nos comicios do 2015, na súa estrea como candidata, logrou revalidar o cargo tras obter preto de 1.300 votos e manter a maioría absoluta, con seis escanos.

A nivel orgánico, dirixiu a xunta xestora do PP forcaricense desde o 2012 e converteuse na presidenta local no congreso celebrado en abril do 2014. Na presente lexislatura é, ademais, deputada provincial do PP pola comarca de Tabeirós-Montes.