Unha peregrina valisoletana resulta ferida nunha saída de vía rexistrada en Dozón

La Voz

DOZÓN

cedida

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A estrada N-525 foi escenario a noite do mércores dun aparatoso accidente de tráfico no que resultou ferida unha muller de Medina del Campo (Valladolid ).

A condutora e única ocupante do vehículo, C. E. M., circulaba polo citado viario cando, xusto antes do núcleo de Dozón, perdeu o control do vehículo e sufriu unha saída de vía. Sucedeu ao redor das 23.00 horas. O coche que conducía, un Citroën C3 con placa de matrícula 6903 JXF, sufriu un envorco e a condutora quedou atrapada no interior, boca abaixo e suxeita ao asento polo cinto de seguridade.

Co móbil a man

A muller, que tiña o teléfono móbil a man, conseguiu acadalo e alertar aos servizos de urxencias. Ao mesmo tempo, varios automóbiles que pasaban pola zona pararon para prestarlle auxilio.

Ao lugar desprazáronse os bombeiros do parque intercomarcal de Silleda, que conseguiron rescatar á condutora sacándoa polo portón traseiro do vehículo, sen necesidade de acometer traballos de excarceración. A muller foi trasladada en ambulancia ao PAC de Lalín. O seu estado non parecía revestir gravidade.

A moza atopábase na zona porque estaba a realizar cun grupo de amigos o Camiño de Santiago por etapas.