Cerdedo analiza opcións para fomentar a industrialización e o emprego

La Voz A Estrada / LA VOZ

CERDEDO

Cedida

24 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reuniuse no día de onte co vicepresidente segundo e conselleiro de Industria, Francisco Conde, co obxectivo de que Cerdedo forme parte do Doing Business Galicia. Unha iniciativa posta en marcha pola Xunta e a Fegamp coa obxectivo de establecer un marco de colaboración no que a administración municipal poida implicarse de xeito directo no fomento da implantación e fixación de empresas no seu territorio.

Un proxecto que forma parte dun plan de traballo que o rexedor expuxo ao conselleiro buscando converter o municipio nun lugar idóneo para captar investimentos para poder desenvolver o plan industrial que se pretende pór en marcha no municipio. O eixo fundamental deste plan é a mellora do polígono de Sangal a través de cambios a realizar nas rúas e novos equipamentos cun orzamento que podería roldar os 100.000 euros e que se destinaría a liquidar e potenciar as posibilidades de implantación de novas empresas.

Cubela informou o vicepresidente segundo os avances na implantación do novo chan industrial en Monte Mocín, en Santa María de Sacos, coa tramitación «case rematada».