Cerdedo achega 32.000 euros para o segundo plan de rescate á hostalería

La Voz A Estrada / LA VOZ

CERDEDO

CEDIDA

01 mares 2021 . Actualizado ás 21:13 h.

O Concello de Cerdedo-Cotobade achegará uns 32.000 euros de fondos propios ao segundo plan de rescate posto en marcha pola Xunta para os hostaleiros e os autónomos. Segundo explica o alcalde, Jorge Cubela, esta cantidade supón o 50% dos fondos entregados pola administración autonómica ás 36 persoas que se beneficiaron das axudas no pasado mes de novembro.

Cubela manifestou que «a decisión de sumar os recursos propios do Concello de Cerdedo-Cotobade aos fondos que vai repartir a Xunta, neste segundo rescate, vai orientada a que os nosos hostaleiros e autónomos non teñan que peregrinar de ventanilla en ventanilla e facer farragosos trámites administrativos para acceder ás axudas». «Así, cunha administración única, acúrtanse prazos e tense que facer menos papeleo. A xente quere solucións e non que a mareen de ventanilla en ventanilla para cobrar as axudas ás que teñen dereito», di.

Cubela subliña que a achega de 32.000 euros de fondos propios do Concello supón un esforzo importante para as arcas municipais «e un xesto de solidariedade de tódala veciñanza coa hostalería, a principal afectada polas consecuencias económicas da pandemia» e que será o dobre do que se recibirá da Deputación.