Cerdedo abrirá o día 24 con 450 ciclistas a Transgalaica

La Voz A Estrada / LA VOZ

CERDEDO

Cedida

22 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O circuíto de probas da Transgalaica en BTT comezará este próximo domingo, día 24, coa proba en Cerdedo-Cotobade. En total serán 62 quilómetros de percorrido por pistas de terra en montes da contorna de Carballedo, cun desnivel acumulado de 1.500 metros. A carreira conta con máis de 450 ciclistas inscritos, que tomarán a saída ás 9.30 horas desde Carballedo, onde tamén será o final e coa previsión de que os primeiros clasificados poidan chegar en torno ao mediodía. Ás 13.30 horas será a entrega de trofeos.

Para esta décima edición do Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade de novo optouse por incluíla como a primeira proba puntuable para a XIV Transgalaica. A maioría dos ciclistas participantes son de toda Galicia, aínda que tamén haberá no pelotón de saída doutros puntos da xeografía nacional, preferentemente de Asturias e Castela e León.

O calendario da Transgalaica tamén inclúe outras carreiras na zona, como a de Silleda ou a da Estrada. Onte presentouse a cita de Cerdedo-Cotobade por autoridades e representantes federativos.