A Festa do Petote habilita 800 prazas en dez restaurantes de Cerdedo-Cotobade

La Voz A Estrada / LA VOZ

CERDEDO

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A décima edición da Festa do Petote, organizada polo Concello de Cerdedo-Cotobade para este domingo, 17 de febreiro, disporá de oitocentas prazas de comensais para a degustación deste Cocido de Entroido nos dez restaurantes participantes, segundo deu a coñecer onte o presidente municipal, Jorge Cubela, na presentación da cita celebrada en Carballedo.

O certame gastronómico -o primeiro dos oito que se celebrarán no municipio este ano- estrea un formato novo, con festa popular en Carballedo, como berce da celebración, e coa degustación do cocido esparexida polos dez restaurantes de todo o territorio que se quixeron sumar á cita.

En Carballedo haberá sesión vermú desde as 11.00 horas. As charangas Cor café e Moreira a lume de biqueira animarán o pobo. Haberá ademais concerto do grupo A Tajea, inchables para o público infantil e degustación gratuíta de petote, lacón con grelos e lacón á feira da man do foodtruck Laconlover.

Por outra banda, para a degustación do cocido completo con petote, sobremesa e bebida fixouse un prezo de 20 euros por persoa en calquera dos establecementos participantes. A reserva permanece aberta, podendo facerse ata o propio domingo, no caso de que queden prazas libres nalgún dos restaurantes. Os locais participantes son os seguintes: O Espigueiro (Cerdedo, 678 719 030), O Meu Lareiras (Cerdedo, 687 393 141), Moncha (Cerdedo, 633 943 295), Restaurante Davi (Quireza, 606 774 141), A de Tucho (Augasantas, 670 971 785), A Raxadal (Carballedo, 986 760 018), Casa Blanco (Rebordelo, 645 922 995), Casa Inés (Carballedo, 986 760 003), Veiga Mariña (Almofrei, 986 763 127) e A Vosa Tabernas (Borela, 986 763 126).