O alcalde de Agolada leva a pleno fixar como festivo local o día que gañou as eleccións

La Voz LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

miguel souto

A proposta expón incorporar o 26 de maio como día de celebración

06 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Agolada, Luis Calvo Miguélez, do Partido Anticorrupción e Xustiza (PAYJ) anunciou en abril a súa intención de declarar como festivo local o día que a súa formación gañou as eleccións municipais do 2019 obtendo maioría absoluta e pondo fin a décadas de goberno popular. Nese momento non puido facelo porque os festivos deste ano xa foran fixados con anterioridade e aprobados. E aínda que chegou a anunciar un edicto para facer efectiva a modificación, esa opción non foi posible.

Tivo que agardar agora, xa que son estas as datas nas que todos os concellos elixen os festivos do próximo ano. A proposta preséntase a pleno. A sesión está convocada para as 9.00 horas de mañá xoves e proponse como festivos o 26 de maio, en conmemoración con esa xornada de triunfo electoral para o PAYJ, e o 29 de xuño, festividade de San Pedro, patrón de Agolada. O cambio suporá deixar aos veciños sen un dos días de asueto das festas de San Pedro xa que ata agora os festivos locais, que contaban co beneplácito de todos, eran os días 29 e 30 de xuño. O PAYJ conta con sete dos once edís que conforman a corporación co que é de agardar que a proposta saia adiante. Calvo Miguélez considera que ese 26 de maio foi «a data do cambio» para Agolada, un municipio que conta con 2.304 habitantes; o «día dá liberación» e que merece ser celebrado.