«É un ciclo que axudou a moita xente a desenvolver a súa capacidade artística»

andrea outeiro / r.r. LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

miguel souto

O Merza Percusión retorna a Agolada nunha edición que incorpora como novidade unha modalidade profesional dirixida a un ensino máis avanzado

27 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte arrancou en Agolada a décimo sexta edición do Merza Percusión con clases e actividades, que estarán activas ata o 29 de xullo. Este curso, producido e organizado polo grupo Odaiko, fusiona o educativo co lúdico, centrándose na disciplina musical da percusión. Ademais, a novidade deste ano é a incorporación do Merza Avanzado. Unha nova sección, dirixida por Irene Rodríguez e Noè Rodrigo, que está orientada a percusionistas profesionais que xa remataran os seus estudos.

As clases están sendo impartidas no auditorio por profesores da zona e algúns internacionais como a solista francesa, Adélaïde Ferrière, ou o timbarileiro da Royal Concertgebouw, Marinus Komst. Ademais os participantes tamén poderán asistir a un taller de música africana e outro de música corporal.

Despois do formato familiar celebrado o ano pasado polo covid, os Pendellos de Agolada recollen de novo a realización do Merza Percusión que recibe participantes de diversas zonas.

Laura Cinarra, monitora da actividade, afirma sobre a procedencia dos alumnos que «son na súa gran maioría de varias localizacións de Galicia pero tamén doutros lugares de España», todos eles alumnos de percusión, ben sexa de escolas de música ou conservatorios.

A dirección corre a cargo de Fran Troncoso e Vicent Zaragoza. «Todas as instalacións que nos ceden permítennos realizar as actividades e impartir clases nun espazo que resulta seguro polo covid», conta Troncoso. O Merza Percusión conta con 48 alumnos e o Merza Avanzado con 24. A suma do profesorado e os monitores ascenden a cifra de participantes nesta actividade a case cen persoas.

A xornada dos percusionistas comeza ás 9.30 da mañá coa realización dun quecemento conxunto. A continuación, os participantes divídense en aulas ata as 14.00 onde traballan disciplinas e estilos musicais diversos. «Traballan a expresión corporal e teatral, a improvisación, os medios electrónicos e os tradicionais», relata Fran Troncoso.

As mañás están reservadas para impartir clases cos profesores e especialistas. Polas tardes contan con actividades xerais para todos que, como narra o organizador, «xiran sempre en torno da percusión pero teñen un carácter máis lúdico e relaxado». Estas actividades aportan unha formación complementaria e poden ir dende unhas Percuolimpíadas ata unha charla sobre a reparación de instrumentos.

Algúns dos profesores que actualmente imparten clase no Merza Percusión foron no seu día alumnos. «Para eles este festival foi como un impulso e é unha marabilla telos agora aquí compartindo experiencia», expón Troncoso. Tras ese impulso, chegaron a formar as súas carreiras en lugares como Barcelona, Lisboa ou Maastricht. Entre os profesores atópase Lucas de Centi, Sandra Pérez, Fran Mark, Alba Rodríguez, Félix Rodríguez, Mario Cortizo ou Manolet Martínez. Para o organizador, o Merza Percusión é «un ciclo que axudou a moita xente a desenvolver a súa capacidade artística».

Un ano máis, o patrocinador dos instrumentos vén dende Amsterdam da man de Pustjens Percussion. Henny van der Abbeelen é o responsable dos instrumentos do festival. Relata que «este festival é moi importante e coñecido en Europa» e que «hai moita cultura musical nesta zona». O responsable afirma que moitos percusionistas galegos están actualmente traballando en formacións musicais de Holanda porque «Galicia ten moi bos percusionistas».