Unha neurocirurxiá dezana, pioneira en operar a columna desde o abdome

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

Cedida

Dolores Varela, de Agolada, emprega esta técnica revolucionaria en España, que supón vantaxes para o paciente ao ser menos invasiva e dolorosa

02 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Dúas neurocirurxiás do equipo do Instituto Caravel, con sedes en Madrid e Barcelona, son as únicas en España que empregan unha técnica revolucionaria para operar problemas de columna. Acceden a el desde o abdome, é dicir, por abordaxe anterior, que entre outras vantaxes supón unha forma moi pouco invasiva, ademais de máis efectiva que nas operacións convencionais. Ademais supón padecer menos dor e contar cunha recuperación máis rápida do operado. Unha desas especialistas é Dolores Varela (Agolada, 1983), xunto á súa compañeira Pilar Baños (Montilla-Córdoba, 1987).

A doutora dezana Dolores Vázquez está fincada en Barcelona e é unha neurocirurxiá experta en cirurxía minimamente invasiva, patoloxía dexenerativa de columna, escoliosis, patoloxía tumoral intrarraquídea e cranial, así como na de nervios periféricos. Durante a súa traxectoria profesional vén combinando un relevante labor investigador e divulgativa coa asistencial, tanto en hospitais españois como norteamericanos, entre eles o Mount Sinaí de Nova York. Na actualidade forma parte do Instituto Caravel, centro de referencia mundial en cirurxía non invasiva de columna vertebral, con tecnoloxía de última xeración que empregan nos seus centros de Madrid e Barcelona.

Tanto Dolores Vázquez como Pilar Baños están consideradas entre as cirurxiás de máis reputación en España, formando parte do equipo do doutor Pablo Caravel, quen introducira a técnica da abordaxe anterior no noso país e está considerado como referente mundial. No centro de Barcelona, aberto fai xa unha década, realizáronse ata hora máis de 1.500 cirurxías por esta vía, sumándose algunhas decenas máis en Madrid, onde se empezou no 2020.

«A patoloxía máis frecuente entre as persoas afectadas de dores de costas é o desgaste dos discos vertebrais», apunta a neurocirurxiá agolense. Para combater esta patoloxía empregan a técnica ADR, «que consiste en substituír un disco vertebral danado por outro artificial que imita o movemento dun san e prevén o desgaste dos discos adxacentes». Segundo apunta Dolores Vázquez, «é a cirurxía máis efectiva para acabar coa dor que produce un disco danado sen afectar á mobilidade do paciente».

Tanto a cirurxía da abordaxe anterior para acceder á columna vertebral como a ADR son técnicas relativamente novas. Por iso son moi poucos os cirurxiáns que as realizan en todo o mundo, dada a alta especialización que requiren e a tecnoloxía de última xeración a empregar nas operacións cirúrxicas. Material sofisticado que posibilita colocar con precisión milimétrica os implantes de columna e supervisar en todo momento o estado da cirurxía. Por iso a especialización que achegan profesionais como Dolores Vázquez motiva que moitos pacientes que acoden á súa consulta proveñan de países de todo o mundo.