A Virxe que vivía nunha botella en Agolada

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

E CUIÑA

21 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Julio Rozas vive en Borraxeiros e unha das súas grandes paixóns é o coidado da súa horta. O cultivo da terra tenlle dado grandes sorpresas nos últimos anos en forma de hortalizas extraordinarias polo seu tamaño e outro tipo de produtos. A terra é xenerosa e Julio ten a gala consentila para que dea bos froitos.

Non fai moito o traballo na terra tróuxolle unha sorpresa diferente, aínda que non fóra na súa horta. Conta que rozando unha leira «de xente de Madrid», que lembra que leva toda a vida sen que ninguén a traballase, atopouse con algo.

Ao sacalo e limpalo coidadosamente descubriu que era unha pequena botella que gardaba no seu interior «unha santa». A botella «anchiña e alteira» está feita en cristal, que está intacto, con algún debuxo, en forma de pequena ánfora, unha base e un tapón tamén de cristal. A imaxe duns nove ou dez centímetros parece da Virxe de Fátima e «dentro ten como algo de líquido», sinala. O achado foi unha sorpresa para este veciño de Borraxeiros, en Agolada, que cre que lle puido caer a alguén na leira e quedou alí ata que os traballos de roza volvérona sacar de novo á luz.

Se a limpeza da leira trouxéronlle a santa, a horta deulle algún desgusto porque unha entrada á leira das vacas dun veciño que se coaron no horto hai tempo causáronlle desfeitas dos que aínda non se recuperou de todo. Respecto da imaxe, Julio Rozas tiña a intención de comunicar o achado ao párroco e bríndase a mostrala a quen pase por Borraxeiros e teña curiosidade por vela. Os interesados en botarlle unha ollada e recibir algún ensino de horta, non teñen máis que chamalo ao 660388 560. A santa agora reside na súa casa.