En liberdade con cargos o investigado polo atropelo mortal de Agolada

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

miguel souto

Sinala que non foi consciente da presenza do ciclista nin dun posible impacto

20 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O camioneiro lalinense de 49 anos detido en relación ao atropelo que lle custou a vida ao ex edil de Agolada, Alberto Vilariño Coego, cando transitaba en bicicleta pola N-640, quedou en liberdade con cargos. A xuíza autorizou ao home, que sofre apnea, a durmir na súa casa o mércores e onte presentouse pouco antes das 9.30 horas no Xulgado numero 1 de Lalín onde prestou declaración acompañado do seu avogado, o letrado vigués, David Alén. Á saída agardáballe a súa familia. V.M.M.V. e o letrado saíron do xulgado uns minutos despois das 13.00 horas. A xuíza decretou así mesmo a retirada do carné durante seis meses, a non ser que se tome unha decisión contraria antes de finalizar ese prazo. O home está a ser investigado polos presuntos delitos de homicidio imprudente e de omisión de socorro.

O seu avogado fixo público onte un comunicado a través cal expresa, en nome da familia, o profundo queixume polo falecemento de Vilariño Coego. Indican que «é incerto que M. V. deuse á fuga» alegando que «non foi consciente en ningún momento nin da presenza do ciclista tristemente falecido, nin do posible impacto do ciclista contra o camión que conducía, tendo noticia do desgraciado suceso posteriormente polos medios de comunicación». Manifesta que «unha vez tivo coñecemento do suceso polos medios de comunicación e ante a coincidencia do lugar do accidente coa ruta seguida por el ese día, presentouse de forma voluntaria nas dependencias da Garda Civil co ánimo de esclarecer as circunstancias do suceso ou a súa posible implicación no mesmo, o cal está a ser obxecto de investigación polas autoridades competentes». Alén Garrido faise eco da «moita dor e indignación» que están causando as acusacións tanto ao seu representado como ao resto da familia.

V. M. M. V. presentouse no cuartel da Garda Civil de Lalín pasadas as dúas da madrugada do mércores e regresou ao día seguinte pola mañá, que foi cando a Garda Civil de Tráfico levou a cabo a detención.

Nestes momentos, Tráfico continúa coa análise de cámaras e o tacógrafo do camión, entre outras, para completar os informes. O caso foi abordado onte polo Xulgado 1 de garda, que se inhibirá a favor do 2.

Condolencias desde o Concello e o goberno

O Concello de Agolada sumouse onte ás mostras de pesar polo falecemento do ex edil expresando «o noso máis sincero apoio aos seus familiares, amigos e veciños nun dos momentos máis duros e complicados das súas vidas» dando ánimos á familia sinalando que «a dureza do acontecido fai disto un dos episodios máis tráxicos vividos por todos nós». Desde o PAYJ, que ostenta o goberno de Agolada, manifestaron o seu profundo pesar pola morte do ex edil lembrando a parte da súa vida «dedicada ao servizo público de todos os veciños» polo que será «recordado por todos e cada un de nós». Explican que «non cremos que haxa palabras que poidan calmar a dor e o sentimento de inxustiza que sen dúbida asolaga a todos os que compartiron algún momento da súa curta vida» transmitindo as súas sinceras condolencias á familia «como veciños e compañeiros».