Agolada súmase á recollida de firmas para a defensa do río Furelos e o Ulla

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

AGOLADA

LORENA GARCÍA CALVO

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A área recreativa fluvial da Cornella (Santiso), afectada pola contaminación provocada polas verteduras ao río Furelos, foi o escenario elixido onte para iniciar a campaña, impulsada polos concellos de Melide, Santiso, Toques e Agolada, así como asociacións da contorna, para esixir unha resposta da Administración ás reiteradas agresións. O acto simbólico para implicar á cidadanía neste obxectivo ambiental celebrouse ao mediodía na citada área recreativa, que aínda que está bañada polo río Ulla, foi afectada a vertedura industrial que, o venres da semana pasada, causou a mortaldade de máis de 10.000 exemplares piscícolas, deixando sen vida os últimos oito quilómetros do Furelos. O tramo afectado abarca desde a desembocadura no Furelos do regacho de Vimianzo, ao que verten as augas do polígono de Melide, ata o Ulla.

A Asociación de Troiteiros Río Furelos, a Asociación Veciñal Melidá e a Asociación As Regueiras secundaron, xunto con particulares, o inicio da campaña de recollida de firmas, que tamén une aos concellos coruñeses de Melide, Toques e Santiso e ao dezán de Agolada, cuxo alcalde asistiu o encontro de onte.