Dez empresas estradenses copan a listaxe de firmas máis rendibles

David Cofán Mazás
David cofán A Estrada, LALÍN / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Na cabeza, dous son do sector de servizos profesionais e unha da construción

28 may 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O último informe Ardán elaborado polo Consorcio Zona Franca de Vigo cos datos oficiais procedentes do Rexistro Mercantil —correspondentes ao 2021— demostran que pese ao impacto da pandemia na economía comarcal, algunhas empresas da zona conseguiron saír airosas do envite do coronavirus. Isto pódese observar analizando as cifras de rendibilidade económica que achega o estudo, é dicir, cales son aquelas empresas con índices máis altos de ganancia en relación cos investimentos efectuados.

Se facemos unha clasificación das 25 empresas máis produtivas, por localización destaca a zona da Estrada, de onde son dez das firmas con mellores rexistros. De feito, a compaña que obtivo unha maior rendibilidade económica no exercicio do 2021 foi a estradense Rain Club Games, cun 101,22 %. Inscrita no sector dos servizos profesionais, dedícase a realizar tarefas técnicas de enxeñería e outras actividades de asesoramento técnico.

Entre as cinco primeiras, ademais desta, atópanse outras dúas firmas estradenses. A cuarta, Edente Estudo Dental, cun 68,7 %, e Petrosan, cun 52,69. Esta última, ademais, é a terceira empresa da Estrada que máis facturou, cun total de 32,4 millóns de euros no 2021.

Lalín reúne a seis das firmas da listaxe. A primeira en aparecer é Dafi Electricidade (49,5 %), séguelle a UTE Terminal Autobuses Ourense (49 %). Entre as empresas lalinenses máis rendibles está o único restaurante do ránking, A Molinera, que obtivo unha rendibilidade económica do 45,07 %. Outra compaña que sacou músculo no 2021 foi Aerocámaras, cun 43,01 %.

Con sede en Silleda hai seis. A de maior porcentaxe é Sociser Galicia, do sector da saúde e a asistencia social, cunha rendibilidade do 48,68 %. Cabe destacar a presenza de Frigoríficos Bandeira, a segunda firma da comarca con maior facturación (67,8 millóns) cun 29,3 %. Completan a lista unha de Forcarei, Gananorte (27,03 %) e tres de Vila de Cruces. Curiosamente, dous delas ocupan o segundo e terceiro posto da táboa: Sondaxes e Escavacións Trigas (80,10 %), dedicada a perforacións e sondaxes, e Xesdeza (70,29 %), inscrita nas actividades de contabilidade, teneduría de libros, auditoría e asesoría fiscal.

Domina a construción

En canto a sectores, as empresas máis rendibles economicamente traballan en nove sectores, destacando en número as da construción, con seis. Tres delas están entre as sete primeiras: Sondaxes Trigas, Dafi Electricidade e a UTE Terminal Autobuses Ourense. Tamén están Integral Novás (41,21 %), Sondaxes Estrada (29,03 %) e Eurogal de Sondaxes (28 %).

As seguintes áreas con máis presenza son a agroalimentaria, os servizos profesionais e a saúde e asistencia social, todas con catro empresas. No primeiro sector atópanse Gananorte, Frigoríficos Bandeira, Tripasdeza (32,26 %) e Panadería Carrollo (36,3 %). Outros ámbitos que están presentes son os da automoción —Talleres A Rocha (31,49 %) e Veacar (26,67 %)—, a enerxía —Green Ambiental (35,18 %) e Petrosan— e os de loxística —Aerocámaras—, informática —Infotiendas 2012 (35,57 %)— e restauración —A Molinera—.

Facturación

Para rematar, entre as 25 compañas máis rendibles de Deza e Tabeirós, once superaron o millón de euros en facturación. As principais son Frigoríficos Bandeira (67,5), Petrosan (32,4), Gananorte (15,9), Aerocámaras (3,1) e Sociser (2,9).